A Deputación de Lugo pon en marcha este mes o programa “E para dixitalizarse Lugo”, que levará 640 accións formativas gratuítas e presenciais ás comarcas da provincia para mellorar as competencias dixitais de preto de 5.000 veciños e veciñas do rural. O presidente provincial, José Tomé Roca, acompañado do deputado Pablo Rivera Capón, presentou o proxecto no Pazo de San Marcos, salientando que nace tras o éxito do plan Impulsa TIC e conta cun orzamento de 500.000 euros de fondos europeos no marco do Plan de Recuperación.
Os talleres desenvolveranse entre setembro e xuño e estarán dirixidos a públicos diversos: maiores que buscan gañar autonomía, mozas que queren reforzar o seu perfil dixital, persoas desempregadas que precisan mellorar a súa empregabilidade ou mulleres do rural, “clave para a dinamización social e económica da provincia”. Os contidos abranguen desde o uso básico do computador e do móbil ata a tramitación electrónica con Chave365, a firma dixital, a banca en liña ou a procura de emprego en internet, ademais de formación en ciberseguridade para previr estafas e riscos na rede.
Tomé destacou que o obxectivo é que a tecnoloxía “estea ao servizo das persoas, mellore o seu día a día e reforce os lazos entre xeracións”. Ademais, lembrou que desde 2019 a Deputación conseguiu captar máis de 18 millóns de euros en fondos europeos, cos que impulsou proxectos estratéxicos como Xeopadrón ou Impulsa TIC, orientados á modernización dos concellos e á loita contra o despoboamento.