InicioPolíticaXiro político na Deputación: socialistas e populares reeditan a gran coalición

Xiro político na Deputación: socialistas e populares reeditan a gran coalición

O prace incondicional do Partido Popular ás enmendas supón a entrada en vigor dunhas contas que os nacionalistas cualifican de “chapuza” e “paripé”

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os orzamentos provinciais para 2019 mudaron sorpresivamente nunha lección de realpolitik, confirmada coa aprobación este xoves das derradeiras modificacións nas contas. O gobernante Partido Socialista e o Partido Popular desembarazáronse dos socios habituais, marxinando o Bloque Nacionalista Galego e o deputado non adscrito Manuel Martínez, para crear un arco de gobernación sen apenas custes políticos.

Das declaracións duns e doutros semellaba que no pleno da Deputación existen dúas realidades paralelas. Na bancada socialista defendían o “amplio consenso “ da cámara provincial arredor da necesidade de sacar adiante os orzamentos, agradecendo as abstencións de PP e BNG. Os populares invocaban o gran acordo orzamentario de 2016 para “ser o máis útiles posibles á provincia e abandonar o rédito electoral”.

Non pensaban igual nas filas do Bloque, onde insistían que mantiñan o voto en contra aos orzamentos, cunha abstención condicionada nas enmendas. “Poucas veces vin algo tan chapuceiro, nin intentado facer a propósito”, exclamaba o voceiro Xosé Ferreiro. “Aquí tentóusenos vender unha gran obra de teatro, cando estaba todo o peixe vendido”.

Un pacto para marxinar ás forzas minoritarias

Intervención do voceiro do BNG, Xosé Ferreiro | Óscar Bernárdez

Os nacionalistas entenden que existe un pacto, non reflictido nas contas provinciais, entre o Partido Socialista e o principal grupo da oposición. Este feito quedaría corroborado pola falta de relevancia económica nas enmendas do Partido Popular, que a mesma Elena Candia admitiu, e que “se verá nos próximos meses”, segundo Ferreiro.

Durante a intervención, o representante do Bloque afirmou que a marxinación dos deputados nacionalistas nas negociacións “foi unha decisión política, tomada con conciencia, que queima pontes no presente e non sei no futuro, e que será moi difícil de reconstruír cara adiante”. Unha descortesía a xuízo de Ferreiro innecesaria, pois “non era complicado obter unha abstención alongando este proceso unha semana ou dúas”.

Seguros de que “non era necesario marxinar as suxestións doutros que tivemos un comportamento responsable en anos anteriores”, no BNG explicaron de que “non imos impedir que se apliquen os orzamentos, a pesar de que non nos gustan, non imos por paus nas rodas ,nin iremos ao xulgado a recorrer cuestións que terían bastantes posibilidades de prosperar”.

Dúbidas sobre o contido dos orzamentos

Mayra García foi a encargada de defender o proxecto orzamentario dos socialistas | Óscar Bernárdez

Refírese Ferreiro en primeiro lugar á estrutura das contas, que leva a que “sexa imposible saber como se distribúen os cartos das distintas partidas”. Alén dos acordos acadados, asegurou que “non costaba nada aprobalo o día 15 de xaneiro, facendo enmendas en condicións, convocando unha comisión para poñer en conxunto as enmendas”.

Mais, principalmente, a inquedanza principal está no acordo final para a modificación dos orzamentos, e que quedou incluído no expediente. Nel, estabelécese que as subvencións nominativas serán excepcionais. “Que eu saiba, só hai dous tipos: nominativas, que van nos orzamentos, e aquelas cuestións excepcionais ao longo do ano que non puideron preverse no proxecto”.

“Teño ganas de ler o informe que xustifique esa excepcionalidade do que está previsto meses antes”, comentou Ferreiro, quen considera “completamente inadmisible” o acordo subscrito polo Partido Popular. “Hai varios avogados entre os deputados para saber que non se pode votar unha cousa e logo modificar as condicións do votado”.

Así as cousas, a inquedanza pola utilización das subvencións discrecionais e extraordinarias resolveríase adoptando un sistema de fiscalización semellante ao existente na Deputación da Coruña, tal e como explicaron os nacionalistas. O voceiro do Bloque advertiu sobre “as consecuencias desta fuxida cara adiante”.

Resposta do PP, mutismo no PSdeG

Elena Candia, presidenta do Partido Popular lucense, durante a sesión na que saíron aprobados os orzamentos provinciais | Óscar Bernárdez
Elena Candia, presidenta do Partido Popular lucense, durante a sesión na que saíron aprobados os orzamentos provinciais | Óscar Bernárdez

No Partido Popular sentíronse “sinalados” polo argumentario do BNG, perante o que aseguraron que este posicionamento vén de atrás. “Este grupo decidiu en 2016, tras un debate interno construtivo, intentar er o máis útiles posibles á provincia”, dixo a presidenta dos populares lucenses, Elena Candia. “Foron momentos complicados, pero coincido en que a provincia, o tecido asociativo, e as entidades locais teñen difícil sobrevivir sen orzamentos”.

En resposta aos ataques dos nacionalistas, e co silencio dos socialistas na segunda intervención, Candia presumiu de ser “copartícipes dun cambio na forma de gobernar nesta institución, que é o mellor que nos pode quedar”. A voceira dos conservadores xustificou as “enmendas economicamente ridículas” que quedan nas contas “para non desnaturalizar o acordo asinado en 2016”.

Así, acusou a Ferreiro de “descoñecer as decisións do seu grupo cando estaban no goberno”, etapa na que explotaron “a flexibilidade do concepto excepcional”. “Non son os nosos orzamentos –continou Candia–, botamos en falta un proxecto de provincia que a institución non debe renunciar a ter”. “Pero deste xeito ponse a disposición dos concellos, mellorando e construíndo entre todos, respectando a autonomía local”.

ÚLTIMAS

O centro “pioneiro” de Friol en atención a persoas de espectro autista abrirá a finais de 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, avanzou que o centro integral...

O TSXG avala que H&M cambiase a cea de empresa de Nadal por un almorzo na súa tenda de Lugo

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou que a...

Ingresa en prisión un vilalbés acusado de malos tratos que se cambiou de xénero no rexistro para eludir a pena

Un vilalbés con varias causas por malos tratos e que cambiou de xénero no...

Comezan as obras de desdobre do último tramo da avenida Infanta Elena en Lugo

As obras que completarán o desdobre e humanización dos 2,7 quilómetros da Avenida Infanta...