A Deputación Provincial de Lugo anunciou a posta en marcha do proxecto ‘E para dixitalizarse, Lugo’, co que pretende formar en competencias dixitais aos veciños das zonas máis despobladas da provincia dentro do programa Reto rural dixital do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Este programa, aprobado este venres en xunta de goberno, abarcará diferentes accións formativas en diferentes ámbitos, dando especial atención á procura de emprego e o emprendimiento.
O proxecto foi presentado pola portavoz do goberno provincial, Pilar García Porto, quen explicou que se investirán 750.000 euros de Fondos Europeos.
Engadiu tamén que haberá formacións de especial interese para pais e nais, principalmente sobre os riscos de internet, ou a dependencia dos dispositivos móbiles.
Dentro do conxunto de cursos previstos para a xente nova, inclúense ofimática, informática básica, ciberseguridade e redes sociais. E para os maiores, as formacións estarán máis centradas en banca electrónica, Whatsapp ou Telegram.
O obxectivo destas formacións é “diminuír a fenda dixital e asegurar a adquisición destas competencias básicas en zonas de risco de despoboamento”, explicou Pilar García Porto.
A deputada sinalou que este investimento se suma aos máis de 18 millóns de euros que se captaron da Unión Europea desde o ano 2019 para a posta en marcha de proxectos similares para a modernización e dixitalización dos diferentes concellos.
OBRAS EN ESTRADAS
A portavoz socialista anunciou tamén que xa foron adxudicadas as obras que completarán o desdobramento da avenida Infanta Elena e que teñen un orzamento de 1,3 millóns de euros. Os traballos, financiados na súa totalidade polo ente provincial, estarán a cargo de Ovisa Pavimentos e Obras SLU e terán un prazo de 8 meses.
Dentro de capítulo de obras, tamén se abriu o prazo de licitación para acondicionar un tramo de 12 quilómetros da LU-P-2405, que conecta Guntín e Pardellas, con Friol na que se investirán máis de 270.000 euros. Este proxecto completa o realizado no mes de outubro nesta mesma estrada e que dá servizo a varias rutas de sendeirismo.