InicioLugo e contornaLugoUn atraco simulado que ía ser unha broma acaba con feridos en...

Un atraco simulado que ía ser unha broma acaba con feridos en Lugo

Os axentes, pola súa banda, procederon a levantar acta sobre un suceso que podería constituír, para o tres organizadores da broma, unha infracción grave da Lei de protección de seguridade cidadá

PUBLICADA O

- Advertisement -

Tres mozos poderían ser sancionados cunha multa de ata 30.000 euros por unha “infracción grave da Lei de protección de seguridade cidadá” tras simular, a madrugada deste mércores en Lugo, un atraco para gastar unha “broma” aos seus amigos que se saldou con varias persoas feridas de carácter leve por erosións sufridas no corpo cando fuxían dos supostos asaltantes.

O suceso, do que informou este xoves a Policía Local, tivo lugar nunha zona de matogueira próxima ao Club Fluvial da capital lucense. Ata a zona desprazáronse efectivos do Grupo Operativo Nocturno do citado corpo de seguridade tras ser alertados por un home, durante unha patrulla preventiva, de que un dos seus fillos estaba a ser atracado xunto a un grupo de amigos nun miradoiro preto do río.

O denunciante explicou aos axentes que tivera coñecemento do sucedido a través dunha mensaxe de texto que o seu fillo lle enviou presuntamente á súa filla indicándolle que se atopaba en problemas. Tras ser localizado por unha patrulla desprazada ao lugar dos feitos, o mozo non tardou en recoñecer, con todo, que se trataba dunha falsa alarma e que todo formaba parte dunha “broma entre amigos”.

Unha broma na que varias persoas resultaron feridas, pois unha segunda patrulla, que se atopaba peiteando as inmediacións dun circuíto deportivo próximo, localizou pouco despois a outro mozo tendido no chan e coas pernas ensanguentadas que estaba a ser atendido pola empregada dun establecemento próximo. Foi el quen relatou aos axentes o que realmente sucedera.

O tres supostos asaltantes irromperan encapuchados na zona illada na que se atopaba todo o grupo para atemorizar ao resto de mozos, que tentaron fuxir e tiveron que ser localizados e auxiliados con lanternas polos efectivos da Policía Local ao atoparse aínda “desconcertados” e nunha área sen iluminación. Algúns deles presentaban erosións no corpo sufridas ao tratar de escapar entre as matogueiras da simulada agresión dos seus amigos.

Os servizos sanitarios foron requiridos para atender no lugar a algúns dos mozos lesionados, a quen se lles informou do seu dereito a presentar denuncia polo ocorrido. Os axentes, pola súa banda, procederon a levantar acta sobre un suceso que podería constituír, para o tres organizadores da broma, unha infracción grave da Lei de protección de seguridade cidadá castigada cunha sanción de entre 601 e 30.000 euros de multa.

ÚLTIMAS

Rede Museística Provincial, un modelo de xestión que democratiza a cultura e o acceso a ela

A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL), Encarna Lago, advirte ao respecto da...

O Concello defende a seguridade das Festas do San Froilán pero anuncia cambios para futuras edicións

Membros da Corporación municipal, co alcalde á cabeza e acompañados polo deputado Efrén Castro,...

BNG de Lugo di que os orzamentos da Xunta mostran “falta de proxectos”

A deputada do BNG por Lugo Olalla Rodil asegurou que os orzamentos da Xunta...

A CEG critica a ecoloxistas e partidos que “rexeitan sistemáticamente” novos proxectos como o de Grupo Lence en Lugo

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) lamentou o "rexeitamento sistemático" promovido, ao seu xuízo,...