InicioCulturaA Catedral celebrou a tradicional Ofrenda ao Antigo Reino de Galicia xa...

A Catedral celebrou a tradicional Ofrenda ao Antigo Reino de Galicia xa coa protección BIC

Reúne na cidade representantes das sete capitais

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Catedral de Lugo celebrou este domingo a xa tradicional Ofrenda ao Antigo Reino de Galicia con representantes do sete capitais das provincias históricas. Foi a primeira vez que esta celebración gozou da protección como ben de interese cultural (BIC), despois de que o venres saíse publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o inicio do procedemento para contar con esta distinción.

A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela, Tui e Lugo uníronse “en irmandade”, tal e como destacou a alcaldesa da cidade amurallada, Paula Alvarellos, para conmemorar unha cita con máis de 350 anos de historia e que “xa transcendeu o mero feito relixioso”.

Á parte da rexedora, participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, entre outros representantes de administracións públicas, forzas e corpos de seguridade do Estado e sociedade civil.

O alcalde de Mondoñedo, Manuel Anxo Otero, foi o encargado de realizar a Ofrenda, na que tamén tivo un papel destacado o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos.

O conselleiro puxo o foco en que esta tradición conta xa coa “máxima protección” que ofrece a súa distinción como BIC de patrimonio inmaterial. E é que, aínda que aínda non conte con este selo, o mero inicio da súa tramitación xa lle outorga esta tutela.

“UNIÓN DO POBO GALEGO”

Neste sentido, o responsable de Cultura da Xunta destacou que se trata dunha manifestación “destacada” da Comunidade e dunha das poucas tradicións vivas que “evocan a entidade política histórica de Galicia”. Trátase, pois, dun “feito único” de manifestación inmaterial que reflicte “o carácter de unión do pobo galego”, tal e como reivindicou López Campos.

A alcaldesa de Lugo, tras recibir no Concello aos representantes das outras seis antigas capitais, agradeceu a implicación de todas elas para converter a Ofrenda ao Santísimo Sacramento, celebrada en Lugo por primeira vez en 1669 –aínda que se retomou en 1925–, como “parte relevante e indisociable da historia de Galicia”.

É tamén “unha oportunidade de irmandade entre os galegos” na que Paula Alvarellos, quen tomou posesión no principio do ano como nova alcaldesa, participou “moi honrada por representar a todas e todos os lucenses”.

Así mesmo, Alvarellos celebrou a catalogación da Ofrenda como BIC porque “servirá para protexer este patrimonio inmaterial, pero tamén para profundar nun dos obxectivos deste goberno local”, que é “consolidar Lugo como un referente turístico a nivel peninsular pola súa riqueza histórica e patrimonial”.

“DIÁLOGO” E “PAZ”

O alcalde de Mondoñedo, Manuel Anxo Otero, como encargado de materializar a Ofrenda, pediu pola “cohesión social” e por que “o diálogo sexa o motor deste camiño e a paz o obxectivo a conseguir” nun contexto histórico “con moitos conflitos bélicos e sociais”.

Tras o acto de recepción no Concello de Lugo, as corporacións desta cidade e de Mondoñedo, acompañadas do resto de autoridades, partiron cara á Catedral para asistir á misa solemne e á Ofrenda. Posteriormente, houbo unha procesión na Praza Maior que terminou, de novo, na Basílica.

Pola súa banda, o presidente da Deputación reivindicou o valor histórico e relixioso desta cerimonia que se celebra sempre o domingo seguinte ao Corpus Christi. Este voto naceu ante as dificultades económicas que tiña a Catedral de Lugo fai máis de tres séculos para dotarse dos fondos necesarios para manter a iluminación do altar maior.

ÚLTIMAS

Cortes ata o 4 de decembro na calzada esquerda da A-6 sentido Madrid por melloras

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable continúa coa execución das obras de rehabilitación estrutural...

Falece un cazador de 55 anos en Cospeito tras ser picado por velutinas

Un home de 55 anos de idade que responde as iniciais J.I.P. faleceu a...

Atraco a punta de pistola na Caixa Rural de Cervantes

Un home armado cunha pistola atracou á primeira hora deste venres a sucursal do...

Detido un home en Lugo por presunta agresión á súa nai

A Policía de Lugo detivo este xoves a un home, residente da rúa Tino...