InicioCulturaO vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O profesor, escritor e ex presidente da RAG é recibido con honras no IES Lucus Augusti da capital, onde exerceu como docente

PUBLICADA O

- Advertisement -

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, cualificou este venres en Lugo como “extraordinariamente bo” o momento que atravesa a literatura galega na súa asistencia a un acto de homenaxe pola súa traxectoria organizado polo IES Lucus Augusti da capital lucense, onde exerceu como mestre nas décadas dos 60 e os 70.

Alonso Montero, que foi recibido lixeiramente pasadas as 12,00 do mediodía no centro educativo no medio dunha gran expectación, estivo arroupado durante o acto por decenas de representantes do ámbito da política, a literatura, a comunicación e a cultura, así como por numerosos ex alumnos.

Minutos antes do inicio da cerimonia de homenaxe, celebrada no salón de actos do instituto e na que estiveron presentes a rexedora da cidade, Paula Alvarellos; o ex alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; ou o xornalista Fernando Ónega, entre outras personalidades e representantes institucionais, o que foi presidente da RAG entre os anos 2013 e 2017 atendeu aos medios.

Gustaríame merecer esta homenaxe, pero como son novo, e como penso seguir traballando e mantendo as bandeiras que sempre icei, quizais dentro de 10 ou 12 anos me mereza unha homenaxe como este”, comezou dicindo, en ton irónico, o escritor, de 95 anos.

Alonso Montero, que adxectivou como “excesivo” o recoñecemento brindado e que cualificou a súa estancia en Lugo como “os 16 mellores anos” da súa vida “pese ao comisario de policía” –chanceou– “e as multas dos gobernadores civís”, asegurou que foi no instituto Lucus Augusti onde máis cómodo se sentiu no desenvolvemento do seu labor docente. “Como profesor foi aquí onde fixen as cousas o mellor que as podía facer. É o recordo máis positivo que teño”, subliñou.

Tamén se referiu Xesús Alonso Montero durante a súa comparecencia ao estado que atravesa, ao seu xuízo, o mundo da literatura e as letras galegas. “O estado da literatura galega eu diría que é extraordinariamente bo dadas as circunstancias en que vive Galicia e en que vive o mundo neste momento para unha lingua das características históricas da nosa”, asegurou.

CONDENA DA SITUACIÓN EN GAZA

Consultado polas diferenzas existentes entre o modelo de ensino que se impartía nos seus anos como profesor en Lugo e o actual, o escritor e lingüista vigués aproveitou para alertar sobre algunhas das “ameazas” que enfronta a sociedade no período actual. “Cambiaron moitas cousas. Agora temos guerras televisadas, temos un dos grandes conflitos humanos que se deron na historia da humanidade, que é o que padece o pobo de Gaza, e temos a intelixencia artificial”, reflexionou.”Hoxe temos que afirmar o que eu dalgunha maneira xa dicía no ano 60 e é que tecnolóxica e cientificamente estamos no ano 2024, pero moralmente estamos no paleolítico inferior”, sentenciou despois.

Xesús Alonso Montero, que quixo lembrar, con motivo do seu regreso ao IES Lucus Augusti, a súa primeira lección impartida como profesor de literatura no centro o 12 de outubro de 1960, pechou a súa intervención previa á cerimonia de homenaxe preguntándose, unha vez máis, polo sentido da literatura: “Naquela lección explicaba que é escribir, para quen se escribe e por que se escribe. Se escribimos para o ser humano universal ou de tal maneira que os ricos entenden dunha maneira a mensaxe e os pobres doutra maneira”, finalizou.

ÚLTIMAS

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...

Ferida unha persoa en Begonte tras caer nunha cuneta co seu tractor e quedar atrapada

Unha persoa resultou ferida tras caer nunha cuneta co seu tractor e quedar atrapada...

Ferida unha persoa ao sufrir queimaduras por mor dun incendio na súa vivenda en Monterroso

Unha persoa resultou ferida ao sufrir queimaduras por mor dun incendio na campá extractora...

O Goberno ratifica que “nas próximas semanas” abrirá o tramo Melide-Palas de Rei da A-54

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ratificou que "nas próximas semanas" abrirá o...