InicioEconomíaRexeitamento da Deputación de Lugo á instalación da planta Altri en Palas

Rexeitamento da Deputación de Lugo á instalación da planta Altri en Palas

O PSdeG e BNG cualifica este proxecto industrial como "a gran mentira do PP".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo manifestou a súa oposición á planta de Altri no municipio lugués de Palas de Rei co rexeitamento dunha moción levada ao pleno da corporación provincial polo Partido Popular en apoio ao proxecto da multinacional portuguesa.

A moción foi tombada co voto de calidade do presidente da Deputación luguesa, José Tomé, no pleno celebrado este martes onde os partidos que compoñen o goberno (PSOE e BNG) sumaban o mesmo número de deputados que a oposición (PP) por ausencia dun dos seus membros.

Deste xeito, o texto levado á sesión ordinaria polo Grupo Popular, que pedía apoiar o desenvolvemento da factoría con “respecto” á normativa ambiental e industrial vixente, foi rexeitado cos votos en contra de socialistas e nacionalistas, que acusaron ao PP de “mentir” desde a Xunta sobre un proxecto que cren que, detrás da “promesa” de construír unha fábrica “verde” de fibras téxtiles, esconde a implantación dunha “macrocelulosa” na comarca da Ulloa.

O encargado de defender a iniciativa foi o portavoz popular, Antonio Ameijide, que asegurou que o proxecto que está en fase de audiencia pública “é o mesmo” que o anunciado fai tres anos e acusou a PSOE e BNG de cambiar de discurso sobre Altri tras o resultado das eleccións autonómicas de febreiro.

“As urnas puxéronos onde os puxeron e agora queren facer ruído”, espetou despois de incidir en que “non hai ningún proxecto igual nos últimos 50 anos” para a provincia de Lugo e afirmar que a planta dedicará a súa actividade principal á produción de lyocell (fibras téxtiles), un proceso no que se usará “eucalipto galego 100% certificado” e que levará tamén a extracción de celulosa para a súa exportación.

O portavoz do PP, que reiterou que a planta usará para o seu funcionamento un ciclo de auga “igual” ao que se realizan en depuradoras, aseverou que o seu partido será “o primeiro” en velar por que “se cumpra a lexislación ambiental”. “Estaremos totalmente vixiantes”, engadiu despois de pedir a BNG e PSOE “coherencia” no discurso político mantido nos últimos anos sobre a planta de Altri.

“O proxecto que ía ser verde está moi verde”, arrincou o deputado do PSOE Pablo Rivera, que acusou á Xunta e o PP de “mentiroso” por “abrir a porta” a unha factoría “que non quería en Portugal”. “Son cómplices dun engano colectivo e masivo ao pobo galego”, aseverou antes de espetar que o proxecto “non ten, de ningunha maneira, nada que ver co anunciado”.

Nesta liña, Rivera defendeu que o seu grupo se situou a favor dunha factoría “innovadora” de produción de fibras téxtiles a partir de material forestal, pero rexeita a “macrocelulosa” que, segundo apuntou, esconde o proxecto final que Altri planea levar a cabo na Ulloa, no que tamén participa Greenalia, compañía na que, como lembrou, ten entre os seus directivos á exconselleira Beatriz Mato.

Pola súa banda, o deputado do BNG Efrén Castro remarcou que “a historia” de Altri “podería titularse ‘a gran metira do PP, ou o que non quere Portugal, para Galicia'”. Así, incidiu en que “a propia empresa recoñece” na documentación que se atopa en fase de exposición pública que a actividade principal será a produción de celulosa.

Segundo Castro, a planta deseñada por Altri para a provincia de Lugo “non é unha fábrica de economía circular” nin “de peche de ciclo produtivo”, porque o destino da produción será China; ademais de constituír “unha bomba ambiental no corazón de Galicia” que “ameaza” os ecosistemas da serra do Careón “que a Xunta non quixo protexer coa ampliación das áreas Rede Natura”, a conca do río Ulla e, mesmo, a ría de Arousa.

ÚLTIMAS

Tarxerta verde da UNESCO para o Xeoparque Montañas do Courel

O Xeoparque Montañas do Courel que comprende os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e...

O goberno de Lugo celebra o aval xudicial á demolición do Garañón

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebrou este mércores que as tres sentenzas que...

Lugo aproba inicialmente o novo plan de emerxencias municipal

O Executivo local aprobou inicialmente o novo plan de emerxencias municipal, un documento aberto...

Un operario resulta ferido tras ser atropelado por un camión nun tramo de obras da A-6 en Baralla

Un traballador do servizo de mantemento de estradas resultou ferido ao ser atropelado por...