InicioLugo e contornaLugoO Nadal lucense con bonecos do apalpador esgotados e viño quente

O Nadal lucense con bonecos do apalpador esgotados e viño quente

Gran oferta de produtos en dous mercados próximos, tres reclamos lumínicos diante do Concello e un ambiente do máis familiar.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Galicia Confidencial quixo achegarse ata Lugo para ver como se vive o Nadal na cidade amurallada. O Patrimonio da Humanidade lucense aos pés da Mosquera ten un panel composto das letras “Lugo” e “Nadal” cunha bola no medio. Algo previsible, pero espectacular para unha foto tal e como está situado na propia praza. Entramos pola porta do Bispo Esquerdo ou de Campo Castelo e xa vemos como os comercios apostan pola decoración propia destas datas: un boneco de neve, un Papá Noel, un crebanoces…

Xa na praza Maior temos a maior concentración de ambiente propio do Nadal. O Concello loce coas súas luces e diante unha árbore de considerable tamaño, á que se accede por unha rampla, ollo con non caer! É o maior reclamo para o ‘postureo’ e levar unha fotografía de recordo de familiares e amigos rodeados de leds. Chama bastante a atención unha especie de sobre, que non puxeran o ano pasado, así como un cabalo do máis pintoresco. 

Porén, o templete da praza alumeado non deixa a ningúen indiferente e soan panxoliñas que fan do momento algo máxico. A casa de Papá Noel estaba pechada, imaxinamos por que agarda pola chegada dos Reis Meigos. Ao redor un montón de casetas nun mercado de Nadal cheo de produtos moi diversos: gorros de la para combater as xeadas, xoias, bonecos de colección de ‘Playmobil’ para os máis cativos e non tan cativos, cerámica, perfumes, empanadas, pan, queixo… E viño quente! Un reclamo en Lugo todos os anos seguindo a moda europea de Austria ou Alemaña. “Non é só viño tinto, leva canela, anís, laranxa… E a máis dun lle lembra a tempos pasados”, recoñece a persoa encargada de vendelo. Ollo, que non falta o tradicional chocolate con churros. Para os nenos tamén hai un pequeno poboado con casiñas que semellan dos sete ananiños. 

OUTRO MERCADO MÁIS EN SAN MARCOS

Se non chegou con este mercado atoparemos outro se avanzamos por Santo Domingo e pasamos a famosa aguia chea de luces e xente sacando fotos. En San Marcos, fronte á Deputación, hai de novo casetas cheas de propostas para mercar, así como figuras propias do Nadal que chaman a atención dos máis cativos. Unha das casetas tiña bonecos feitos a man e cunha estrela en ventas. “O apalpador está esgotado”, asegura o vendedor e lonxe dos futbolistas de Lugo, Breogán ou Deportivo, “o que triunfan son os Pokemon”. O resto de rúas do casco vello da cidade tamén teñen ornamentación lumínica, aínda que o máis destacado se concentre nestes dous mercados. E ti, xa visitaches Lugo nestas datas? 

ÚLTIMAS

Excarceradas dúas persoas tras chocar frontalmente dous turismos na N-634, ao seu paso por Sancovade

Os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarcerar aos condutores de dous vehículos tras chocar...

A Deputación de Lugo reforza a formación de rederas con 39.000 euros para garantir a substitución xeracional

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un novo convenio de...

Novos achados no xacemento do S.IX AC de Pobra de Brollón apuntan ao colapso de edificacións por un incendio

Novos achados no xacemento do S.IX AC localizado en Penas do Castelo, parroquia de...

Trasladado un home con síntomas de intoxicación por fume tras un incendio nunha ferraxaría

Un home tivo que se trasladado con síntomas de intoxicación por fume tras un...