Home Lugo e contorna Lugo Denuncias de “saturación” das urxencias no HULA, con pacientes esperando 20 horas por unha cama

Denuncias de “saturación” das urxencias no HULA, con pacientes esperando 20 horas por unha cama

0
Denuncias de “saturación” das urxencias no HULA, con pacientes esperando 20 horas por unha cama
Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo | Páxinas Galegas

O sindicato CIG-Saúde denunciou a “saturación” do servizo de urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA), alertando da existencia de pacientes que esperan máis de 20 horas por unha cama.

Nun comunicado, a organización sindical criticou que na actualidade hai ata 12 pacientes pendentes do seu ingreso ou de pasar a observación, xa que este servizo tamén está a ter problemas ao non poder ingresar en planta ás persoas que xa non teñen que estar alí.

“A maioría deles chegaron a urxencias este luns entre as 21.00 e as 24.00 horas, pero hai unha persoa que está a esperar unha cama desde as 16.30 horas do luns”, criticou a CIG pasadas xa as 12.00 horas deste martes.

O sindicato asegurou que na actualidade hai unha planta de hospitalización na que só hai 10 pacientes, “e non se poden ingresar máis porque non desbloquean o resto de camas”, engadiu, lembrando que a CIG leva semanas denunciado esta situación.

“Os pacientes, unha vez máis, están a ser vítimas destas políticas e os traballadores saturados sacando o traballo como se pode”, subliñou, esixindo unha solución urxente.

+ posts