InicioSociedadeOs 11 acusados na peza principal da Pokémon chegan a un acordo...

Os 11 acusados na peza principal da Pokémon chegan a un acordo coa Fiscalía que rebaixa as súas penas

O que fora concelleiro de Lugo Francisco Fernández Liñares, acepta dous anos e seis meses de cárcere e unha multa de máis de 100.000 euros.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os 11 acusados na peza principal da operación Pokémon relacionada coa adxudicación do servizo do guindastre municipal en Lugo, entre eles o que fora tenente de alcalde de Lugo Francisco Fernández Liñares, chegaron a un acordo sobre a súa condena coa Fiscalía que rebaixa as súas penas.

Deste xeito, os 11 acusados recoñecen a autoría dos delitos que lle imputaba a Fiscalía, con algunhas modificacións para beneficiarse de rebaixas das condenas, tanto nos anos de prisión que serán condenados como no referente ás multas que se lles esixen. Con este acordo, o xuízo non terá que celebrarse e bastará cunha sesión na que se ratifique o acordo.

Entre os acusados está o que fora concelleiro de Urbanismo de Lugo Francisco Fernández Liñares, a quen o Ministerio público acúsao de delitos de suborno, prevaricación, branqueo de capitais e violación de segredos por funcionario público. Aínda que o Ministerio fiscal, tal e como figura no auto de apertura de xuízo oral, solicitaba que fose condenado a penas que sumaban nove anos e medio de cárcere e 32 de inhabilitación, co acordo a súa pena sitúase en dous anos e seis meses de cárcere, inhabilitación para emprego ou cargo público por varios anos e multas que suman máis de 100.000 euros.

En novembro de 2022 o xulgado de instrución número 1 de Lugo decretou a apertura de xuízo oral por esta peza na que se investigaron supostas irregularidades cometidas na concesión á empresa asturiana Cechalva do servizo do guindastre da cidade de Lugo. Todo iso despois de que en outubro de 2021 o xulgado concluíse a investigación da peza principal da macrocausa iniciada pola xuíza Pilar de Lara, apartada anos máis tarde do número 1 de Lugo por dilacións indebidas.

Máis dunha década despois de que arrincase unha operación que derivou na investigación de decenas de persoas, incluídos varios cargos políticos de distintas corporacións galegas e doutras comunidades, a trama principal encamiñouse cara ao xuízo con Liñares como principal acusado.

O exmandatario socialista situouse como o principal acusado da adxudicación fraudulenta no ano 2005 do servizo do guindastre municipal a Cechalva, compañía que tamén figura como acusada xunto a outra empresa, Sanle. Ambas as entidades son condenadas por un delito contable a senllas multas. Ademais, á primeira delas inhabilítalla para obter subvencións, axudas e contratar coa administración pública polo prazo de tres meses.

PRIMEIRO CONDENADO POLA POKÉMON

Francisco Fernández Liñares converteuse en marzo de 2021 no primeiro condenado na operación Pokémon. Xunto a el, nesta peza principal acepta penas J.R.P., considerado a “ligazón” entre Liñares e a empresa que se fixo co contrato do guindastre. J.R.P. acepta dous anos e seis meses de prisión por aproveitamento de información privilexiada, suborno, falsidade en documento mercantil e dun delito contable. Ademais, impónselle o pago dunha multa de 29.000 euros. Estes mesmos delitos atribúenselle a outro socio de Cechalva (M.S.G), ao que se condenan a uns dous anos de cárcere e unha multa de 28.000 euros.

Aos outros dous socios da empresa, J.P.C. e J.L.A., atribúeselles aproveitamento de información privilexiada e suborno, delitos polos que acordan penas dun ano e catro meses de cárcere e de nove meses de prisión, respectivamente, así como a multas de 27.500 euros. Outros dous acusados, A.P.V. e J.E.C.L. aceptan penas de menos dun ano de cárcere por falsidade en documento mercantil e un delito contable. Na causa tamén se condena a outros dous acusados, A.O.R. e C.D.V., por falsidade en documento mercantil a penas de menos dun ano de cárcere; a D.A.L. e M.G.G por branqueo de capitais a penas de dous meses de cárcere e senllas multas de 15.000 e 23.000 euros respectivamente.

ÚLTIMAS

Falta de pediatras na Fonsagrada, Baleira e Castroverde

A asociación de consumidores Facua en Galicia dirixiuse ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para denunciar a "falta...

Unha talla de madeira provoca graves impactos en mámoas de Lugo

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección...

José Tomé pide precaución xunto ao río Rato tras supervisar os danos da borrasca Olivier

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao alcalde de Lugo,...

Rescatan unha muller ferida tras envorcar co seu coche en Guntín

Unha muller resultou ferida e acabou atrapada tras envorcar o seu coche no municipio...