InicioEconomíaA CIG acusa á patronal da limpeza de usar "violencia contra as...

A CIG acusa á patronal da limpeza de usar “violencia contra as mulleres” no conflito do sector en Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Confederación Intersindical Galega (CIG) acusou este mércores á patronal do sector de limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo de levar a cabo “un exercicio de violencia” contra as traballadoras ao negarse a negociar as condicións “denigrantes e de miseria” do seu convenio colectivo.

“Aquí hai violencia contra as mulleres. Hai quen quere manter nunha situación indigna ás mulleres e iso é un exercicio de violencia”, declarou respecto diso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, nunha rolda de prensa celebrada no edificio sindical de Lugo na que tamén participaron o secretario comarcal, Antonio Núñez, e a representante de CIG-Servizos, Asunción Castiñeira.

Carril, que fixo un chamamento “á unidade e a solidariedade de clase” nun conflito provocado “por unha patronal madrileña que vén invadir con miseria e con pobreza o país”, expresou a vontade do sindicato de estender o alcance dun conflito que mantén en folga indefinida ás traballadoras do sector desde o 16 de outubro.

“Imos intensificar a loita neste convenio”, proclamou Paulo Carril, antes de manifestar o seu desexo de lograr a convocatoria dunha “folga xeral do conxunto do sector” –incluíndo ás profesionais con convenios propios– e de instar os comités de todas as empresas de Lugo a apoiar o paro das traballadoras.

O sindicato, que lembrou que o 95% do sector en folga está composto por mulleres e que o salario mínimo “non está garantido na táboa salarial”, acusou tamén ás administracións públicas de “calar, consentir e non facer nada ante o abuso da patronal” –ASPEL– e instou á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) a tomar cartas no asunto.

24 DÍAS EN FOLGA

A rolda de prensa convocada pola CIG tivo lugar tras máis de tres semanas de folga indefinida do sector e a só dous días de que a mesa negociadora do convenio colectivo volva reunirse para tratar de atopar unha solución ao conflito.

Neste contexto, preto dun centenar de traballadoras do sector volveron a mobilizarse este mércores nas rúas de Lugo para pedir a redacción dun novo convenio colectivo e a mellora da súa situación laboral.

O acto de protesta partiu desde o edificio sindical e trasladouse despois –motivando o corte temporal da Rolda da Muralla– ata a sede da Confederación de Empresarios de Lugo, onde concluíu.

+ posts

ÚLTIMAS

O PP de Lugo acusa ao BNG de “desgoberno” nas contas municipais no anterior goberno local

O goberno municipal de Lugo elevou este martes o ton da confrontación política cos...

Detido un home por insultar e golpear a un axente da Policía Local de Lugo

Segundo informa a Policía Local nun comunicado, os axentes atopábanse de patrulla cando foron...

Lugo reactiva tras case cinco anos a Mesa Local de Comercio para impulsar novas medidas de apoio ao sector

O Concello de Lugo reactivou este martes a Mesa Local de Comercio despois de...

O único xulgado polo incendio mortal en Tableros Hispanos de Nadela nega a súa responsabilidade no sinistro

O xuízo polo incendio mortal rexistrado en 2019 na planta de Tableros Hispanos de...