InicioEconomíaA CIG acusa á patronal da limpeza de usar "violencia contra as...

A CIG acusa á patronal da limpeza de usar “violencia contra as mulleres” no conflito do sector en Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Confederación Intersindical Galega (CIG) acusou este mércores á patronal do sector de limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo de levar a cabo “un exercicio de violencia” contra as traballadoras ao negarse a negociar as condicións “denigrantes e de miseria” do seu convenio colectivo.

“Aquí hai violencia contra as mulleres. Hai quen quere manter nunha situación indigna ás mulleres e iso é un exercicio de violencia”, declarou respecto diso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, nunha rolda de prensa celebrada no edificio sindical de Lugo na que tamén participaron o secretario comarcal, Antonio Núñez, e a representante de CIG-Servizos, Asunción Castiñeira.

Carril, que fixo un chamamento “á unidade e a solidariedade de clase” nun conflito provocado “por unha patronal madrileña que vén invadir con miseria e con pobreza o país”, expresou a vontade do sindicato de estender o alcance dun conflito que mantén en folga indefinida ás traballadoras do sector desde o 16 de outubro.

“Imos intensificar a loita neste convenio”, proclamou Paulo Carril, antes de manifestar o seu desexo de lograr a convocatoria dunha “folga xeral do conxunto do sector” –incluíndo ás profesionais con convenios propios– e de instar os comités de todas as empresas de Lugo a apoiar o paro das traballadoras.

O sindicato, que lembrou que o 95% do sector en folga está composto por mulleres e que o salario mínimo “non está garantido na táboa salarial”, acusou tamén ás administracións públicas de “calar, consentir e non facer nada ante o abuso da patronal” –ASPEL– e instou á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) a tomar cartas no asunto.

24 DÍAS EN FOLGA

A rolda de prensa convocada pola CIG tivo lugar tras máis de tres semanas de folga indefinida do sector e a só dous días de que a mesa negociadora do convenio colectivo volva reunirse para tratar de atopar unha solución ao conflito.

Neste contexto, preto dun centenar de traballadoras do sector volveron a mobilizarse este mércores nas rúas de Lugo para pedir a redacción dun novo convenio colectivo e a mellora da súa situación laboral.

O acto de protesta partiu desde o edificio sindical e trasladouse despois –motivando o corte temporal da Rolda da Muralla– ata a sede da Confederación de Empresarios de Lugo, onde concluíu.

ÚLTIMAS

Atraco a punta de pistola na Caixa Rural de Cervantes

Un home armado cunha pistola atracou á primeira hora deste venres a sucursal do...

Detido un home en Lugo por presunta agresión á súa nai

A Policía de Lugo detivo este xoves a un home, residente da rúa Tino...

A causa contra o loteiro de Lugo investigado por falsear un atraco, sen caso

A Fiscalía pediu o sobresemento provisional da causa aberta ao loteiro de Lugo acusado de simular...

Avogados piden unha xustiza máis próxima para as mulleres vítimas de violencia de xénero

Máis de 150 profesionais do ámbito xurídico e da igualdade déronse cita en Lugo...