Os sindicatos están dispostos a apoiar a Relación de Postos de Traballo (RPT) que desbloquearía a situación de inestabilidade na Escola Municipal de Música. AFI-USO, CIG e ÁGORA entenden que, malia que é posible que a medida sexa insuficiente, a modificación puntual e inmediata da organización profesional podería ter importantes vantaxes.
De acometerse a reestruturación en base á RPT, os sindicatos solicitan como condición de partida que afecte exclusivamente a Escola Municipal de Música. Despois, citan cinco criterios a respectar na modificación parcial, comezando pola creación de prazas a xornada completa para o capital humano tanto da Banda Municipal coma da propia Escola, ás que se accedería por promoción interna, quedando as ocupacións actuais reflictidas como prazas a extinguir.
A segunda cuestión é a de simultanear a modificación da RPT cos procesos selectivos para a promoción interna; debido a que a oferta de emprego para 2018 non está aprobada, propoñen nas centrais sindicais que poderíanse contemplar nela estas prazas. O terceiro aspecto derívase da promoción interna, procedemento que non consume taxa de reposición e, polo tanto, “non hipotecarían as ofertas de emprego dos vindeiros anos”.
Seguindo con este plantexamento, a cuarta vantaxe é que evitaríase que todo o vencellado coa Escola Municipal poida entrar no hipotético escenario de xudicialización que arrodea á nova RPT, o que implicaría deixar á institución na mesma situación de bloqueo e inseguridade. Por último, cómpre que a validez da modificación conte co aval dos servizos de Persoal e Intervención, a través dos preceptivos informes que aborden a situación de todo o persoal municipal afectado, procurando solucións individuais e colectivas.