A Garda Civil interceptou a un condutor, á altura do quilómetro 12.100 da A-54, no termo municipal de Lugo, circulando a 200 km/h, cando a velocidade máxima permitida nesa zona é de 100 km/h.
Segundo informaron fontes da Comandancia Provincial, os feitos ocorreron na mañá do pasado domingo. Tras detectarse o exceso de velocidade, varias patrullas mobilizáronse para deter o vehículo, algo que conseguiron cando este xa circulaba pola A-6, en Pedrafita do Cebreiro.
O condutor foi identificado, e resultou ser un veciño de Alcobendas de 60 anos de idade. O home foi imputado en calidade de investigado por un suposto delito contra a seguridade viaria, e as dilixencias instruídas puxéronse en coñecemento do xulgado de Lugo.