InicioSucesosAna Sandamil, condenada a prisión permanente revisable polo asasinato da súa filla

Ana Sandamil, condenada a prisión permanente revisable polo asasinato da súa filla

O xurado popular declarouna culpable de matar á menor "de maneira premeditada"

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou á pena de prisión permanente revisable a Ana Sandamil polo asasinato da súa filla, Desirée Leal, ocorrido en Muimenta –Cospeito–, na madrugada do 3 de maio de 2019.

A sentenza, de acordo co veredicto de culpabilidade emitido polo xurado popular, está en consonancia coa primeira que recibiu Sandamil, o ano pasado, polos mesmos feitos. Nesa ocasión, a Audiencia de Lugo condenou á nai de Desirée a prisión permanente revisable polo crime, estimando que era consciente dos seus actos no momento do crime, aínda que recoñecéndolle certa afectación psicolóxica.

Meses despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tombaba o veredicto e obrigaba a repetir o xuízo, argumentando que a determinación do estado psicolóxico de Ana Sandamil, clave na condena, non estaba ben fundamentado.

Nesta ocasión, o xurado popular foi incluso máis aló, negando ningunha afectación psicolóxica de Ana Sandamil no momento do crime e estimando que era plenamente consciente que estaba a dar morte á súa filla. Como consecuencia, o Tribunal imponlle agora, de novo, a prisión permanente revisable.

FEITOS PROBADOS

En concreto, o fallo do xurado considera probado por unanimidade que, na madrugada do 3 de maio de 2019, Ana Sandamil, que durmía na mesma cama que a súa filla Desirée, de sete anos, forneceulle “un fármaco con efectos sedantes”, a trazodona, “coa intención de acabar coa súa vida”. Para iso, disolveu o medicamento “nun líquido” e deullo pola forza.

Seguidamente, e como a nena non accedera a tomalo, “asfixiouna coas súas propias mans, exercendo presión no seu pescozo e obstruíndo tamén as súas vías respiratorias, boca e nariz, para o que puido empregar, ademais, as súas mans ou algún dos obxectos que había na habitación”. Desirée morreu por asfixia mecánica por compresión e oclusión dos orificios respiratorios e, estiman, “non tivo posibilidade de reaccionar ou de defenderse” do ataque.

Tras a morte da nena, recolle o veredicto, Ana Sandamil “acudiu ao dormitorio da súa nai para comunicarlle” que Desirée falecera e, posteriormente, “inxeriu unhas pastillas de trazodona” coa intención de simular un intento de suicidio, aínda que “sabedora de que a súa inxesta non lle provocaría a morte”.

O veredicto tamén determina por unanimidade que a muller “era coñecedora da intención do pai” de Desirée de “modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas”, co obxectivo de pasar máis tempo con ela.

Entre os feitos que foron apoiados por maioría, pero non por unanimidade, dos xurados –7 a 2– están o que a muller buscou días antes nunha tablet propiedade dun dos seus tíos información relacionada cun veleno e a cuestión da afectación psicolóxica.

En concreto, sete dos 9 xurados apoiaron que Ana Sandamil padecía no momento dos feitos algún tipo de trastorno, “pero que non afectaba as súas facultades mentais nin ás súas capacidades cognitivas nin volitivas” nin lle impedía coñecer o alcance dos seus feitos.

UN VEREDICTO “BEN FUNDADO”

Na súa argumentación xurídica, o presidente do tribunal eloxia o “ben fundado” veredicto, segundo o cal Ana Sandamil “planificou” a morte da súa filla, en primeiro lugar, tentando darlle unha bebida sedante que non conseguiu que tomase. “Así o proban os restos do líquido que apareceron nas paredes e na mesilla e que só poden obedecer a ese intento de forzar á nena a que consumise un fármaco disolto en auga”, apunta a sentenza, que tamén ve reflectido este forzamiento nas lesións da boca de Desirée e os restos de sangue pola habitación.

A nena, que, segundo os forenses, morreu por asfixia, presentaba certo grao deste fármaco en sangue e contido gástrico, polo que foi consumido “pouco tempo” antes do falecemento.

En canto á súa situación mental, a sentenza alude a elementos como a consciencia dos feitos, cando espertou á súa nai para dicirlle “Desi morreu”, a existencia de “premeditación” no crime ou o feito de que “denegase o acceso a aparellos electrónicos” aos axentes que investigaban o caso.

Segundo as persoas que a viron inmediatamente despois da morte de Desirée, como o persoal sanitario, Ana Sandamil “estaba esperta, consciente e orientada” e “non tiña un delirio claro”.

INFORMES MÉDICOS

Aínda que recoñece a “diferenza” entre os informes dos médicos clínicos e os forenses –os primeiros si apuntaron a un estado de psicose–, a sentenza lembra que a finalidade das consideracións de ambos os tipos de profesionais son distintas, e decántase pola achega dos expertos do Imelga, igual que o xurado.

Sobre a intervención dos médicos que a trataron no Hula, apunta que os delirios que refería Ana Sandamil “non estaban referenciados á nena” e sinala que as forenses do imelga detectaron un “importante grao de simulación”, ademais da inexistencia de “ningún estado psicótico anterior”.

Os forenses son moi claros en que non existe relación entre a posible psicose delirante e a morte da nena“, recolle o auto, que tamén subliña a “amnesia esaxerada”, que “non é compatible” coas explicacións dadas por Sandamil á súa chegada ao HULA.

Por todo iso, a sentenza considera a Ana Sandamil autora dun delito de asasinato coa agravante de parentesco e imponlle a pena de prisión permanente revisable. Paralelamente, pide para o pai de Desirée unha indemnización de 250.000 euros, “co pleno coñecemento de que non existe cantidade momentaria que poida indemnizar a dor sufrida por tal persoa”, engade. Contra a sentenza cabe interpor recurso.

ÚLTIMAS

Detido un home en Lugo acusado de apuñalar á súa muller

Un home foi detido esta madrugada en Lugo acusado de propinar varias puñaladas á súa...

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...