Máis de 60 denuncias en 10 meses e oito locais precintados, resultado do control a locais en Lugo

A alcaldesa, Lara Méndez, anunciou un reforzo dos dispositivos de vixilancia, especialmente nas localizacións máis conflitivas da capital.

Imaxe da rolda de prensa da alcaldesa, Lara Méndez, e o xefe da Policía Local.. CONCELLO DE LUGO

Os controis policiais a establecementos públicos desenvolvidos nos últimos 10 mese sen a cidade de Lugo saldáronse con 62 denuncias e oito locais precintados.

Así o explicou este xoves a alcaldesa, Lara Méndez, que compareceu co Intendente da Xefatura da Policía Local, Jesús Piñeiro, para facer un balance das intervencións desenvolvidas desde o pasado 22 de abril –data na que se deu por concluída a fase aguda da pandemia–.

Na súa intervención ante os medios, a rexedora puxo en valor “o traballo desenvolvido” polos axentes, en coordinación co concello, co obxectivo de “garantir a convivencia e a seguridade cidadá”, facendo compatible “a actividade empresarial” e os dereitos tanto ao lecer como ao descanso, dixo.

Lara Méndez explicou que, tras a recuperación da normalidade, despois de considerarse superada a crise sanitaria, e co progresivo levantamento das diferentes restricións, unha parte importante das funcións que os axentes exerceran durante estes meses foi “a de atender as queixas por altercados e ruídos relacionados cun número moi minoritario de locais de hostalaría”.

“O cumprimento da normativa pola que se rexen estes negocios é para nós unha preocupación fundamental, de maneira que a directriz establecida desde o inicio do mandato foi a de estreitar a vixilancia aos mesmos cos dispositivos que resulten necesarios para pór fin aos prexuízos que poidan ocasionar”, explicou Méndez.

TIPOS DE INFRACCIÓNS

Jesús Piñeiro detallou que as 115 inspeccións que levaron a cabo a establecementos no últimos dez meses saldáronse con 21 actas de infracción por exceder o horario de peche, 14 actas por instalar un equipo de reprodución musical sen autorización, sete actas por non dispor de título habilitante e outras tantas por exercer a actividade coas portas abertas cando, pola súa categoría, téñeno prohibido. Tamén houbo unha denuncia por sacar consumicións á vía pública e unha ducia por infrinxir a normativa de espectáculos públicos.

Do conxunto destes controis (115), 47 centráronse en locais do recinto amurallado e os 68 restantes levaron a cabo en establecementos asentados en 15 rúas da capital, cinco delas pertencentes ao barrio da Milagrosa. A rúa Galicia é a que concentra un maior número de intervencións (23), seguida por cálea Catedral (14).

O Intendente Xefe apuntou, ademais, que neste tempo precintáronse oito locais, entre os que figura un centro de hípica que carecía de licenza. Do sete restantes, correspondentes co sector hostaleiro, dous atópanse no Centro histórico (cale Catedral); outro na Milagrosa (cale Pintor Villamil) e os outros catro sitúanse en diferentes zonas da cidade.

PECHE DE LOCAIS

De maneira particular, a alcaldesa referiuse a un local en Doutor Fleming ao que o Concello revogou a licenza despois de notificarlle o pasado setembro a suspensión de actividade por considerar probado que con ela incorría reiteradamente en episodios de contaminación acústica.

“Este negocio foi denunciado en diferentes ocasións, que derivaron nun total de nove intervencións por parte da Policía Local e na apertura dun expediente que remata, finalmente, coa perda de validez do título habilitante do que dispuña, cumprindo así o compromiso dado ás e aos residentes da zona, cos que me reunín en varias ocasións, de actuar categoricamente contra os establecementos que inciten á comisión de altercados”, dixo a alcaldesa.

Este non é o único local que pecha as súas portas por determinación municipal ante a comisión de infraccións de forma continuada, senón que en decembro de 2020 decretábase a ineficacia da licenza dun café-bar de Camiño Real, e abríanse senllos expedientes ás cafetarías A Máquina (Camiño Real) e A Barrica (Salvador de Madariaga) ante a proliferación de disturbios que propiciaban na contorna.

Antes de concluír, a alcaldesa anunciou un reforzo dos dispositivos de vixilancia, especialmente nas localizacións máis conflitivas da capital e destacou a implicación dos efectivos do Corpo no desempeño do seu labor, un labor no que se incluíu a colaboración estreita coa Policía Nacional a través da realización de dispositivos conxuntos.