A área Sanitaria de Lugo acusa ao BNG de usar a sanidade como “instrumento político” e nega “colapso” en urxencias

"Falar de colapso cando a situación asistencial non é esa en absoluto é algo moi grave e só busca xerar malestar entre a poboación", din desde a área sanitaria.

Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo | Páxinas Galegas

A área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos negou este mércores que o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) sufrise ou estea a sufrir “ningún colapso” nas urxencias, asegurando que o centro dispón de camas suficientes para atender aos pacientes que as necesitan, polo que acusou ao BNG de usar a sanidade como “instrumento político”.

Así respondeu o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ás declaracións vertidas pola deputada nacionalista Olalla Rodil, que pediu explicacións á Xunta pola situación vivida nos últimos días no hospital onde, segundo ela, os enfermos tiveron que esperar nos corredores a que houbese camas dispoñibles.

O HULA neste momento non ten escaseza de camas. A capacidade de resposta do hospital é moi boa e non hai graves problemas de esperas no servizo de urxencias para poder acceder a unha cama e ingresar, máis aló do normal nesta época do ano”, asegurou a área Sanitaria.

Neste sentido, reivindicaron que non é certo que se acumulen pacientes ou que estes teñan que esperar moito tempo para poder subir a planta.

“A pesar de que tradicionalmente esta é unha das épocas do ano con maior presión asistencial debido ás afeccións respiratorias, con máis pacientes que acoden aos distintos servizos de urxencias e máis ingresos, especialmente de pacientes crónicos que ven descompensada a súa patoloxía, aínda así o HULA non está a rexistrar problemas de camas e todo paciente que necesita hospitalización neste centro sanitario é ingresado no menor tempo posible”, engadiu a dirección.

Ademais, puxeron en valor que o servizo de urxencias dispón dos medios técnicos e humanos “dimensionados” para facer fronte a estes picos de actividade que se rexistran habitualmente nesta época do ano, que xa se contempla no Plan de Continxencia fronte á gripe que ten en marcha o hospital desde hai varias semanas.

“Falar de colapso cando a situación asistencial non é esa en absoluto é algo moi grave e só busca xerar malestar entre a poboación empregando a sanidade pública como instrumento político”, sentenciou.