A Deputación de Lugo deu luz verde á contratación para a reforma dos espazos comúns da contorna do Fogar de Santa Maria. A obra sairá por unha contía que ascende ata os 372.000 euros.
Segundo informaba a portavoz socialista, Pilar García Porto, con este proxecto conséguese “cuadriplicar o número de prazas de aparcadoiro de uso público que pasarán de 40, cifra actual, a 165”.
Porto lembrou que o presidente do executivo provincial, José Tomei Roca, xunto coa rexedora local, Lara Méndez, conseguiran facerse coa apertura gratuíta do aparcadoiro “fóra de horario laboral dos traballadores, cando finalicen estas obras”, que terán un prazo de execución de catro meses.
Desde o goberno provincial asumen que, con este paso, “cúmprese o compromiso de reordenar e acondicionar a contorna do complexo de Santa María”. O proxecto terá como protagonistas á contorna dos pavillóns se seis servizos: Recadación, Medio Ambiente, Asesoría Xurídica, Vías e Obras, Cooperación cos Concellos e Artesanía e Deseño.
Os traballos consistirán na reordenación de espazos, no alisado e pavimentación do chan, axardinamento, sinalización, drenaxe do edificio e execución de rede de pluviais, entre outras.
ÁREA RECREATIVA
Ademais deste, temas como a adxudicación da concesión da área recreativa de Vos Carballos ou a actuación en cinco viarios provinciais, tamén foron aprobados na Deputación lucense.
Para as estradas, que pasan por cinco concellos da provincia: Lugo, Taboada, Baralla, Antas de Ulla e Sober, licitaranse as obras de mellora e acondicionamento por unha contía superior aos 880.000. Pola súa banda, o importe mensual que terá que abonar a empresa Terras de Lugo S.L pola explotación da área recreativa de Vos Carballos é de 550 euros ao mes durante tres anos.