InicioSociedadeA endometriose, a descoñecida que afecta a unha de cada dez mulleres

A endometriose, a descoñecida que afecta a unha de cada dez mulleres

Andrea López, da asociación Querendo, reivindica maior visibilidade para unha doenza para a que non hai consultas específicas en Lugo e con serias implicacións na vida laboral

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este martes 25 de setembro, o centro de convivencia Uxío Novoneyra de Lugo acolle ás 19.30 horas un faladoiro acerca dunha doenza que afecta a unha de cada dez mulleres en idade fértil, pero que é descoñecida para gran parte da sociedade: a endometriose. Encabeza o relatorio Andrea López, de Querendo, a asociación galega sen ánimo de lucro que procura visibilizar a casuística desta enfermidade crónica. O colectivo é responsable de impulsar a proposta que o Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno do Concello de Lugo este xoves.

A endometriose é unha enfermidade hormonodependente e de orixe xinecolóxico, cun retraso medio no diagnóstico de oito anos. Andrea atribúe a tardanza a que “as   mulleres temos esa crenza de que a regra ten que doer”, motivo polo cal aguantan e retrasan a primeira consulta. “Por outra parte, hai médicos que consideran que a regra debe doer, que é aínda peor”.

En Galicia hai 60.000 afectadas pola endometriose, e delas, o quince por cento soporta a forma máis severa. Os profesionais sanitarios empregan carecen dun criterio unificado para clasificar esta afectación. “Sempre se utilizou unha escala de catro grados, atendendo á que órganos está a afectar”, explica.

Na actualidade emprégase xeralmente outro tipo de taxonomía, que parte de diferenciar a endometriose ovárica –cando afecta só os ovarios– da endometriose profunda, que pode acadar outros órganos, como intestino, uréteres ou vexiga. “O máis habitual é a tipoloxía ovárica, que correspondería ao grao un; e despois, en función do que vaia afectando, vai aumentando o grao”.

Querendo, mulleres con endometriose, formouse en 2015. Naceu “a través dunha médica de antención primaria, que puxo en contacto a dúas pacientes que coñecía” para que puideran falar e pór en común todo contra o que estaban a loitar. “A partir de aí comezou a formarse Querendo, fómonos xuntando máis e máis”, ata as case sesenta socias que son entre as catro provincias.

A proposta que presentará o Bloque ante a corporación municipal non é o primeiro contacto entre a asociación e os grupos políticos de Lugo. Anteriormente mantiveron unha xuntanza no Foro de Igualdade, convidadas pola concelleira Ana González Abelleira. Entón, relata Andrea, fixéronse varios escritos vencellados ás reclamacións das afectadas pola endometriose.

As demandas contempladas por Querendo pasan por fomentar a visibilidade da doenza, solucionar o retraso no diagnóstico, ampliar as consultas específicas e crear unidades multidisciplinares para os casos máis graves. Andrea salienta que en Lugo carecen de consultas específicas e tampouco se deriva a onde si existen, na Coruña, Vigo ou Ourense.

A falta de unidades que combinen experiencia nas áreas que pode afectar a endometriose obriga a afrontar “sete ou oito consultas específicas de diferentes especialidades, dependendo do tipo de endometriose”, derivando en descoordinación entre os profesionais sanitarios e inseguridade nas mulleres que sofren este mal.

O primeiro paso para compensar estas deficiencias é levar a endometriose á esfera pública. “Sabemos que aínda hoxe é moi descoñecida na sociedade, incluso no sector profesional, hai moita xente que traballa na sanidade, en emerxencias, nun PAC, que non sabe que é nin como mirala”. En Querendo son conscientes de que non será sinxelo dar a coñecer a enfermidade e renovar os coñecementos do persoal da sanidade.

“Tampouco podemos resignarnos, queremos ter unha calidade de vida”. As implicacións da endometriose trasládanse á vida social e familiar, e en especial ao traballo. Isto pode dificultar enormemente a realización profesional, reducindo a empregabilidade porque “temos baixas moi prolongadas e moi repetitivas”. “Está claro que na empresa privada acabamos todas no paro”, lamenta.

Cada tres meses, Querendo realiza xuntanzas en cada provincia adicadas a quen se queira informar, persoas xa diagnosticadas ou que dubidan de se os síntomas son os da endometriose. Andrea indica que estas xornadas tamén están recomendadas para profesionais, aínda que “eu non son médico nin teño estudos, teño a miña vivencia coma afectada, e teño o que lin, pero axudarei no que poida”.

Combinar a visión de pacientes e especialistas é un dos obxectivos destas reunións. “Nin unha nin a outra son a axeitada –observa Andrea– pero gran parte da problemática é que ninguén nos comprende”. O vindeiro café pola endometriose de Lugo celebrarase o 30 de setembro, no Casablanca (Avenida da Coruña, 60), de 11 a 13 horas. “Hai a crenza aínda de que somos unhas queixosas e histéricas, hai que tratar o tabú”.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...