InicioLugo e contornaLugoAs zanfonas máis antigas e importantes de Galicia xa poden ser consultadas...

As zanfonas máis antigas e importantes de Galicia xa poden ser consultadas en 360º

A Deputación anuncia un catálogo dixital para consultar 25 pezas espalladas por museos do territorio galego.

PUBLICADA O

- Advertisement -

As zanfonas máis antigas e representativas de Galicia chegan á rede. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén de poñer a disposición de investigadores e músicos o  Catálogo de Zanfonas Históricas de Galiza, un arquivo dixital co que o ente provincial pretende facilitar o acceso interactivo a información sobre 25 instrumentos datados entre os séculos XVIII e XX.

Estes instrumentos están conservados e custodiados tanto por institucións públicas como mans privadas, ente eles o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, o Museo de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego, o o Museo de Belas Artes da Coruña,  o Museo Massó de Bueu, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a Fundación Santamarina Temes de Ourense. Para facilitar o acceso aos mesmos, o catálogo desenvolto polo Centrad ofrece unha galería de imaxes, un visor de 360 graos interactivo e arquivos métricos en formato .jpg e .dwg de cada un dos instrumentos, ademais de documentación sobre a súa procedencia e historia organolóxica.

Segundo  expón o director da Colección de Instrumentos Musicais, Obxectos Sonoros e Arquivo Documental do Centrad  e responsable deste arquivo dixital, Luciano Pérez, “o catálogo ofrece a posibilidade de tomar algunhas medidas básicas sen necesidade de acceder directamente aos intrumentos, evitando, por outra parte, o inevitable deterioro”. Ademais, incide, “este formato permite actualizar os contidos cada vez que teñamos infomacións relevantes”.

O arquivo, dispoñible neste enlace, recolle tamén parte do traballo desenvolvido e exposto no I Encontro Celme de Zanfona, organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo o pasado mes de setembro, coa participación de persoas investigadoras, mestres artesáns,
docentes e músicos. O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, sinala que “con este catálogo dixital documentamos o coñecemento xenerado e compartido durante ese encontro e ofrecemos unha ferramenta útil para a  investigación e a formación arredor deste instrumento milenario, avanzando no obxectivo de proxectar Lugo e o Centro de Artesanía e Deseño, nun espazo de referencia a nivel europeo”.

Segundo apuntan dende o mesmo ente, en Galicia a zanfona está intimamente ligada ao obradoiro-escola de instrumentos musicais, creado na Deputación de Lugo no ano 1951 por iniciativa de Antonio Fernández. Os seus primeiros directores, Faustino Santalices e Paulino Pérez, foron os artífices da súa recuperación na que, tamén, tivo un papel destacado o musicólogo Fernando López Acuña. “Arredor do obradoiro, agora integrado no Centrad, desenvolveuse unha intensa actividade relacionada co patrimonio musical galego, e especialmente coa zanfona”, explican.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...