InicioLugo e contornaLugoLugo acollerá unhas xornadas sobre os avances e retos da agricultura sostible

Lugo acollerá unhas xornadas sobre os avances e retos da agricultura sostible

Están organizadas pola USC e desenvolverase do 18 ao 22 de maio na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

PUBLICADA O

Por unha vez, o debate público e da esfera política estatal está no agro, aínda que sexa pola polémica xurdida arredor das macrogranxas, unha temática da que Galicia Confidencial xa informou meses atrás. Neste contexto, a agricultura senta o outro piar da produción económica vencellada ao agro, unha cuestión que permanece, polo momento, allea ao debate no Congreso dos Deputados, pero non na USC.
A Universidade de Santiago de Compostela vén de anunciar que acollerá unhas xornadas orientadas a discutir sobre o uso eficiente dos recursos agrícolas. O proxecto será desenvolto de forma conxunta coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH) e estará aberto á participación de investigadores nos ámbitos da fertilización, substratos, amorodos e froitos vermellos, temáticas nas que a comunidade científica someterá a debate algunhas das claves para avanzar cara a sustentabilidade agraria e a produción de cultivos seguros, tanto para os consumidores como para os traballadores e mesmo para o medio ambiente.
O obxectivo será pois tratar a optimización das técnicas de produción, o control e a mellora da calidade dos cultivos, as boas prácticas agrícolas e a prevención de pragas e enfermidades. Este foro, promovido por un comité organizador que preside a profesora da USC Elvira López Mosquera, desenvolverase do 18 ao 22 de maio na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
Segundo apuntan dende a Universidade, as temáticas propostas para análise e debate nas distintas palestras son amplas e, no eido da fertilización, abranguen “desde avances na elaboración de plans de abonado, novos produtos, compoñentes e aditivos, emprego de estercos e subprodutos orgánicos, á fertilización eficiente e de precisión ou fertirrigación”. A estes eixos únenselles os novos materiais e métodos de procesado de substratos, a súa caracterización analítica e de compoñentes, a automatización da xestión da auga ou o control das pragas e enfermidades, por exemplo.
A institución compostelá detalla que as persoas interesadas en participar nesta xornada científica  –un foro que tamén está aberto ao estudantado universitario– pode formalizar xa a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico sechlugo2022@sech.info, ao que cómpre remitir unha vez cumprimentado o formulario xa accesibles na web da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas. O prazo de presentación de comunicacións científicas, que poden ser en formato póster ou orais permanece aberto ata o 14 de febreiro no mesmo enderezo de correo electrónico.

ÚLTIMAS

A Xunta inicia unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna

A Xunta de Galicia iniciou unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida,...

O PP de Lugo reclama unha aposta “decidida e exemplar” polo Servizo de Axuda no Fogar

O grupo municipal do Partido Popular en Lugo esixe ao goberno local unha aposta...

Investigan o suposto maltrato dun fillo ao seu pai ancián en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo iniciaron dilixencias para esclarecer un posible caso de violencia...

Identificado un ‘taxista pirata’ que facía traslados ilegais desde o HULA e ao que interveñen varias armas prohibidas

A Garda Civil identificou a un veciño de Lugo de 31 anos de idade, e con...