A Sala da Audiencia Provincial de Lugo declarou nulas todas as declaracións de Francisco Liñares, exedil do Concello de Lugo e expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a partir do 23 de setembro, momento do seu ingreso en prisión. Non se anularon, iso si, as actucións previas nin os demais “actos procesais” que figuran na causa contra el por prevaricación e suborno.
Deste xeito, o xuízo cuxo inicio foi marcado para este martes 23 de febreiro arrincou coa declaración dos acusados, entre eles, nove empresarios que supostamente se beneficiaron das concesións realizadas por Liñares.
Nas cuestións previas, o avogado de Francisco Liñares, Evaristo Nogueira, pedira a nulidade do proceso polo que se xulga ao seu defendido. Así, o letrado Evaristo Nogueira denunciou que “non todo vale” nunha investigación xudicial e asegurou que se conculcaron dereitos constitucionais. Neste sentido, afirmou que Liñares prestou declaración baixo “unha privación de liberdade irregular” (pola súa detención e posterior declaración e entrada en prisión provisional desde setembro de 2012).
De feito, referiuse ao auto de posta en liberdade, de xaneiro de 2013, no que se declarou “a nulidade absoluta e insubsanable” do auto do 22 de setembro (de ingreso en prisión) e decretouse ” inmediatamente a posta en liberdade”, por un “exceso de detención” ao considerarse que “excedía, e non pouco, o límite” das 72 horas.
“NON SE FORZOU NINGUNHA DECLARACIÓN”
Pola súa banda, o Ministerio Fiscal rexeitou estes e os demais argumentos presentados polo avogado de Liñares, por ser “xenéricos” e non concretar exactamente que dereitos foron conculcados e en que momento.
Ademais, censurou as críticas de Nogueira cando chegou a afirmar que “non é propio dun estado de dereito e da Constitución das 78” actuacións como a firma dunha declaración do seu defendido “nunha tasca de Santa Comba” ou as escoitas. Mentres, a Fiscalía advertiu de que o que “non está permitido” é “forzar” declaracións, pero subliñou a validez das declaracións “espontáneas” dos acusados: “A lei non esixe que uns axentes que custodien a un detido se tapen os oídos, pero non se forzou ningunha declaración”.
RESTO DE ACUSADOS
Neste procedemento, unha das pezas separadas da ‘Operación Pokémon’ tamén se xulgan nove empresarios supostamente beneficiados polas concesións realizadas por Liñares. As súas defensas pronunciáronse a favor de aterse á decisión da sala, aínda que, por exemplo, o avogado de Julio F.C. denunciou que tivo coñecemento neste momento procesual de acusacións ao seu cliente porque a copia do escrito de acusación que recibira estaba incompleta.
Ante esta alegación, o Ministerio Público lembrou a posibilidade de acceder aos expedientes de forma telemática e ironizou con que o avogado tiña que saber que a seu cliente estaba acusado de algo, polo que podía advertir a posibilidade de que o papel estivese incompleto noutro momento procesual.