InicioMedioambiente e PatrimonioComprendendo a cultura castrexa e a romanización en Marcelle

Comprendendo a cultura castrexa e a romanización en Marcelle

O xacemento de Agra dos Castros, o máis próximo a Lugo, podería agochar nova información sobre a sociedade castrexa, a fundación da cidade e a romanización

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este luns saíu á luz o XV Boletín do Museo Provincial, revista científica composta de 21 artigos e 469 páxinas. Entre eles está unha investigación adicada á Arracada da Agra dos Castros, na parroquia lucense de Marcelle. Conducida por Aurelia Balseiro García e Roberto Bartolomé Abraira, é un paso máis para entender a importancia da ourivaría e a metalurxia na sociedade castrexa, así como o proceso de romanización.

A arracada que centra o estudio foi atopada en Agra dos Castros en 2007. Este é o xacemento máis próximo a Lugo, polo que pode resultar fundamental para comprender a fundación da cidade e o proceso de asimilación cultural. Está documentado un amplo período de ocupación dende a Idade de Ferro, sobre todo a partir do século IV a.C.. 

A uns 485 metros de altura sobre o nivel do mar, entre os cursos dos ríos Miño e Rato, este terreo aproveita unha suave elevación que lle confire unha posición estratéxica. Agra dos Castros domina un territorio vital para a comunicación durante a época romana, como a Vía Antoniana XX cara a Brigantium. Na zona abundan os mananciais, que serviron a partir de mediados do século I d.C. de captación para o acueduto da cidade romana. 

Situación dos xacementos de cultura castrexa na comarca de Lugo | XV Boletín do Museo Provincial
Situación dos xacementos de cultura castrexa na comarca de Lugo | XV Boletín do Museo Provincial

Trátase dun xacemento de grandes dimensións. A nivel superficial non se aprecian foxos ou muros, nin rastros de construcción. Isto débese a que están totalmente colmatados, pero os foxos e os distintos niveis de ocupación son visibles nas fotografías aéreas

O achado ten a particularidade de que foi realizada por profesionais, o que contrasta coa habitual descontextualización dos descubrimentos casuais da maior parte da ourivería prerromana galega. A arracada é semellante ás atopadas por toda Galicia e en puntos de León, Zamora e norte de Portugal. Por desgraza, aporta datos pouco representativos pola condición na que foi atopada. 

Así as cousas, atribución cronolóxica non é definitiva por carecer de datación científica; baseándose no repertorio dispoñible, hai consenso dentro da tipoloxía castrexa circunscrita a finais da Idade de Ferro, xa nos límites do cambio de era coa chegada dos romanos. O certo é que a arracada podería achegar máis información de procederse a análises máis complexas sobre a composición, que poderían establecer novos aspectos sociais e económicos vencellados á súa producción. Pero as análises non invasivas requiren de investimento, instrumental e laboratorios axeitados.

Imaxe aérea do xacemento da cultura castrexa en Agra dos Castros (Marcelle, Lugo) | XV Boletín do Museo Provincial
Imaxe aérea do xacemento da cultura castrexa en Agra dos Castros (Marcelle, Lugo) | XV Boletín do Museo Provincial

A arracada da Agra dos Castros é unha peza de estrutura laminar de base, de pequeno tamaño pero dominio técnico da soldadura, a filigrana e o granulado. A metalurxia do ouro está documentada no noroeste peninsular dende o III milenio a.C., dentro dunha tradición autóctona que ten os seus máximos expoñentes na Idade do Bronce. Esta arte vese enriquecida na Idade de Ferro por achegas técnicas foráneas de influxo mediterráneo.

Segundo consta na investigación, o achádego “incrementa a importancia da ourivería antiga galega, estandarizando as tipoloxías xa existentes, os usos sociais e simbólicos destes elementos típicos da cultura castrexa e a supervivencia temporal destas pezas en contextos xa galaico romanos”. A xoia está vencellada ao eido doméstico no interior dun recinto poboado prerromano, sen indicios de ocultación nin rituais funerarios, e con supervivencia ata alomenos o século III da nosa era. 

O obxecto é considerado unha manifestación da cultura material castrexa. Tiña unha función simbólica como ítem de prestixio na sociedade, un “papel categorizador” e posiblemente outras valoracións económicas e rituais. O significado da ourivaría mudou coa chegada dos romanos, que aumentou o seu valor mercantil, “consolidando o seu uso habitual en forma de xoias de complexa elaboración”. É por este e outros motivos que novos estudos poderían explicar o funcionamento da sociedade castrexa e os cambios que introduciu Roma. 

 

ÚLTIMAS

Un informe de Adega revela os datos reais de emisións e verteduras que Altri pretende ocultar

Un informe de Adega sinala que Altri oculta emisións no seu estudo de impacto ambiental e...

A Deputación presenta un plan invernal para estradas con 420 toneladas de sal e 112 traballadores

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores en Pedrafita...

Chuvia, neve e temperaturas baixo cero na montaña de Lugo

Os termómetros volvéronse a esborrallar na madrugada deste martes ata valores negativos na maior parte...

Convenio entre Deputación e os 67 concellos da provincia para modernizar o padrón da man do INE

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes, no Pazo...