InicioEconomíaA lista de empresas morosas de Lugo, dominada polo ladrillo

A lista de empresas morosas de Lugo, dominada polo ladrillo

A construcción e os negocios inmobiliarios copan a lista de morosos coa Axencia Tributaria – Son 15 empresas, moitas disoltas, e adebedan 42 millóns de euros

PUBLICADA O

- Advertisement -

A lista de empresas morosas feita pública pola Axencia Tributaria é un retrato da crise económica. A provincia de Lugo segue o patrón español e galego con algunha particularidade: entre os 15 grandes debedores ao tesouro público, 10 están vencellados á construcción e ao negocio inmobiliario. Entre todas adebedan algo máis de 42 millóns de euros.

Ostenta o primeiro posto a fracasada Biocarburantes de Galicia S.L., con base en Begonte, que demora un pago de máis de 15 millóns. A empresa presentou o concurso de acredores en 2016, dez anos despois de iniciar a súa actividade. Era a menor das catro iniciativas centrada no biodiésel amparadas polo Instituto Galego da Promoción Económica (IGAPE), e estaba participada entre outros por un grupo de futbolistas entre os que salienta José Manuel Aira, outrora xogador no C.D. Lugo.

Outra sociedade con compromisos co fisco é Investigación y Proyectos de Vehículos Especiales S.A. (IPV), sita na Pontenova ata o seu peche en 2013. A histórica firma foi disolta e as instalacións cambiaron de propietario, recibindo encargos puntuais para diversos clientes, cunha carga de traballo moi inferior. IPV ten unha débeda de 2,7 millóns de euros. 

Un caso particular da provincia é o que afecta ás empresas da alimentación. Primeiro, por Laboratorios Asociados Nupel S.L., que operaba no polígono lucense do Ceao. A empresa farmacéutica e de alimentación está en liquidación, e debe a Facenda pouco máis dun millón de euros. Tamén en liquidación e tamén na capital está Cemar Alimentación, cunha cantidade similar de débeda co tesouro. 

O que máis atención recibiu no seu día foi o Grupo Támega, que operaba dende Cervo. Hai doce meses, os traballadores desta Sociedade Limitada disolta protestaron cun paro indefinido polas condicións precarias nas que se atopaban. A folga continuou incluso cando a actividade resultou adxudicada a Logística Lucense, por mor dos despedimentos e a continuidade dalgúns dos responsables do Grupo, especializado no investimento e a administración. A Axencia Tributaria reclama 1,2 millóns de euros.

Dez empresas vencelladas á construcción e a especulación inmobiliaria completan este mapa da morosidade na provincia de Lugo. A de maior contía é Construcciones Clelia con 5,6 millóns de euros, seguida de Construcciones Mon S.L. (3,2 millóns, en liquidación), Contratas La Muralla S.L. (1,6, en liquidación), Construcciones y Promociones Clefir S.L. (1,4) e Arredondas Construdalia S.L. (1,3). 

De xeito indirecto, aínda que igualmente relacionadas co ladrillo, están Ferlosa S.L., adicada á cantería de mármore (case 1,7 millóns de euros de débeda co erario público), a S.A. Comercial Trasfobe 99, adicada ao aluguer de maquinaria para construcción (1,6 millóns, en disolución), Aglomerados del Noroeste S.L., que produce pavimentos e chapas (1,6, en disolución tamén), Almar Fletamentos, que ten coma segunda actividade o negocio inmoble (1,2) e Bouso Comercial Telefonía de la Costa, que así mesmo conta os servicios inmobiliarios no seu obxecto social (1 millón de euros adebedados).

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...