Este mércores deixou boas novas para os 117 traballadores dos parques de bombeiros da provincia, mais tamén un novo enfrontamento polo rédito político entre Deputación e Xunta. O estado de guerra aberta entre o Partido Socialista e o Partido Popular extendeuse nesta ocasión ao anuncio da equiparación salarial deste corpo co seu homólogo de Ourense, que ademais terá efecto retroactivo.
A desputa xurdiu a raíz do pleno extraordinario do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, participado a partes iguais pola Xunta e a Deputación. Cómpre lembrar que dende o pleno do mes anterior, a presidencia deste ente deixou de ser rotatoria e recae dende entón en Darío Campos, presidente da Deputación. Foi a el a quen correspondeu o anuncio da equiparación salarial dos 117 bombeiros dos parques da provincia cos seus compañeiros de Ourense, referencia en Galicia, con efecto retroactivo ata xaneiro.
Así e todo, a máxima autoridade provincial esqueceu mencionar o acordo asinado coa representación do Partido Popular, á que culpou de retrasar devandita equiparación por non aportar os fondos necesarios xa en 2016. En resposta, a Xunta de Galicia emitiu un comunicado no que lembraba o seu papel necesario no Consorcio, que aprobou este acordo económico cando a presidencia correspondía ao director xeral de Emerxencias, Luis Menor.
Malia a confrontación dialéctica extendida xa a todos os ámbitos nos que participan estas dúas formacións, o certo é que o pleno resultou satisfactorio para ambas partes, e por suposto para os profesionais da extinción de adscrición provincial. Para poñer fin á discriminación salarial dos traballadores dos parques de bombeiros de Lugo, incrementarase o prezo dos dous contratos este ano en 659.000 euros, que achegarán ao 50 % a Deputación provincial e a Xunta de Galicia.
Alén da actualización nos emolumentos, o Consorcio aprobou unha modificación urxente no crédito para o reequipamento dos parques de Vilalba, Viveiro, Sarria, Monforte Chantada e Barreiros. Isto suporá un investimento engadido de 325.000 euros para afrontar esta nova tempada de lumes de verán.
Pormenorizadamente, estes novos equipamentos corresponden á implantación de liñas de vida nos camións dos parques comarcais que eviten caídas en altura; a adquisición de novos terminais TETRA portátiles, para comunicarse en situacións con atmosferas explosivas; un novo vehículo de mando con destino ao parque comarcal de bombeiros de Monforte; e tamén un segundo traxe de intervención para cada integrante, de xeito que poidan seguir traballando se a primeira unidade de protección resultou contaminada. Tamén se acordaron adquirir outros equipamentos menores como taquillas para os parques de Vilalba e Barreiros, e seis tablets para uso en operativos diversos, en especial nos camións BUL dos seis parques da provincia.