Este luns volveu a escenificarse a complexidade do proxecto da Intermodal de Lugo, unha iniciativa compartida por Adif, Xunta e Concello. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, apremiou este luns a que o goberno local outorgue conformidade ao anteproxecto presentado en marzo, que concibe un edificio dunha única altura. Cuestionada por esta solicitude, a alcaldesa Lara Méndez replicou que agardan a que o departamento autonómico delimite os terreos que deberá aportar a corporación municipal.
Este convenio marco foi acordado en febreiro en Madrid, en reunión con Adif. En esencia, supoñía a cancelación do concurso realizado en 2010, pola “dificultade de execución e a deficiencia na funcionalidade e intermodalidade” da proposta vencedora. Os técnicos da Xunta traballaron na alternativa para a integración da estación de autobuses e elaboraron un estudo sobre o que se basearía o novo anteproxecto.
O concepto adoptado foi o dun único edificio que aproveitara a superficie dispoñible e irmandara todos os servizos no mesmo nivel, permitindo acometer as diversas actuaciones por separado. Este renovado consenso supoñía, en palabras de Méndez, o único xeito de “garantir a chegada do AVE” á cidade amurallada. Así e todo, a colaboración quedou no aire por mor dos Presupostos Xerais do Estado aprobados en maio.

O Partido Socialista denunciou entón que as contas supoñen “cero euros” para a Intermodal. “Ninguén falou de prazos, orzamentos ou publicacións no BOE, a resposta é vencellar todo á licitación dun anteproxecto sen máis que boas intencións” dixo o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos. Sen partida para que Adif remodele a estación, o escenario para o inicio das obras queda alomenos para 2020.
Sorprende o recado da conselleira cando é a Secretaría Xeral Técnica de Infraestruturas a que ten que dar o seguinte paso. Segundo indicou o responsable local sobre este eido, Daniel Piñeiro, o Concello leva dende o 23 de maio intentando contactar con este departamento para coñecer a afectación sobre os terreos, o reparto de funcións e a futura titularidade.
Por outra banda, a falta de medios de Adif para iniciar a remodelación da estación de trens complica a tarefa da Xunta, que asume a construcción das dársenas, o edificio para viaxeiros e o aparcadoiro subterráneo, para un investimento total de 6,3 millóns de euros. Así as cousas, as présas da Consellería de Infraestruturas semellan fóra de lugar cando o borrador aínda contén carencias técnicas e legais. Está por ver se os novos responsables do Ministerio de Fomento acadan algún avance na situación da Intermodal, un proxecto paralizado dende os tempos en que o titular era José Blanco.