A mostra sobre o traxe aldeán das terras de Lugo levou polo de agora a algo máis de 2.500 persoas á Capela de Santa María da capital lucense. A primeira iniciativa desta clase reúne 25 pezas de garda escollidas polo colectivo Traxandaina, en colaboración coa Deputación. Esta exposición leva o selo do Ano Europeo do Patrimonio e estará aberta ata o primeiro de xullo.
O dato de asistencia foi difundido pola deputada de Cultura, Pilar García Porto. A responsable provincial agradeceu a implicación de Traxandaina no conxunto de actividades vencelladas á cultura tradicional, e en especial a esta mostra que recolle o máis salientable do traxe de garda de Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Sarria, Portomarín, Guntín ou Muras. “Contribuímos a dar coñecer a nosa cultura mediante as nosas vestimentas, afondamos nas nosas tradicións, e axudamos a difundir o traballo recompilado polos artesáns da provincia”, apuntou a deputada.
Os interesados en percorrer a exposición poden facelo mediante a visita guiada a cargo dos artesáns de Traxandaina, o martes 26 de xuño ás 18.00 horas. Para inscribirse de balde cómpre encher un formulario dispoñible no sitio web da Deputación. A colección estará aberta para o público en xeral ata o día 1 de xullo.
Dentro da colección de 25 traxes, tamen se pode ver mandís de mostra, aos que se lles adica un apartado especial, as mantelas ou lensas que cobren a saia; os refaixos bordardos a man, camisas de liño de corte rectos para aproveitar os anchos do tear e mantillos de gala, mandís de traballo, panos de peito de cabeza, toucas de pelo de cabra e mantóns de lá feitos no Val de San Lourenzo coas mesmas técnicas que as mantas maragatas.
Xunto a esta exposición o goberno da Deputación promoveu outras iniciativas paralelas no CENTRAD. O centro de artesanía e deseño acolleu unha xornada sobre o traxe tradicional galego no que interviron investigadores e expertos, así como un obradoiro de confección de saias.