InicioMedioambiente e Patrimonio"A transición enerxética ten que ser global, social e política"

“A transición enerxética ten que ser global, social e política”

O responsable do Máster de Enerxías Renovables da USC analiza os escenarios de futuro e o potencial do país para producir enerxía limpa

PUBLICADA O

- Advertisement -

A enerxía volve a estar no centro da axenda política. O novo goberno central configurou un inédito Ministerio para a Transición Ecolóxica, con claro énfase en reverter a dinámica do sector. Este cambio de postura tivo tamén traslación na negociación dos compromisos europeos para 2030, cando o 32 por cento da enerxía producida terá que ser de orixe limpo. Asemade, a Unión Europea prohibiu o denominado ‘imposto ao sol’, que grava o autoconsumo eléctrico, alomenos ata 2026.

Para comprender mellor os desafíos e as oportunidades desta nova etapa, este xornal acudiu ao coordinador do Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago de Compostela, o Profesor Doutor José Antonio Rodríguez Añón. A titulación, única a nivel estatal, conta tamén cun programa de doutoramento con acreditación internacional.

Antes que nada, tocou avaliar a política enerxética establecida polo goberno saínte. “A nivel estatal e autonómico, seguiu liñas paralelas”. A comparación coa anterior etapa socialista e a presidencia de Mariano Rajoy é clarificadora. Entre 2007 e 2012, a implantación de renovables pasou de 32.000 megavatios a 46.500, “aumentando practicamente un 50 por cento”. “Pero de 2013 a 2018 houbo un parón brutal“, porque a implantación de MW procedentes de renovables non acadou nin o 10 por cento.

Isto implica que, para o remate de 2018, a enerxía procedente de renovables en España “andará entre o 18 e o 20 por cento”, moi lonxe do obxectivo. “Europa apreta, e aínda que a ministra Teresa Ribera apostou publicamente por este eido, teremos que dar un empurrón forte para cumplir cos niveis para 2030 e 2050“, os horizontes xa marcados pola UE.

En Galicia o nivel de instalación de nova enerxía renovable foi “nulo”, unha porcentaxe “despreciable”. “Pasamos de ser unha das primeiras comunidades a caer ao quinto posto; estamos na media nacional de producción cando a potencialidade é importante”. Un freo que fixo moito dano á industria galega, sostén Rodríguez Añón.

“Mentres todos os países apostan polas renovables, cun emprego que medra ao 5 por cento, en España perdemos 70.000 empregos”. Se a nivel estatal a reducción de postos de traballo foi do 50 por cento, en Galicia a perda acadou o 80 por cento. “E son empregos que teñen detrás inversión, I+D, postos de calidade… empregos que é moi complicado recobrar”. O investigador do NaFoMat indica que esta industria pode xerar dous millóns de empregos a nivel mundial de aquí a 2030. “Quedar fóra dese proceso é pouco intelixente”.

Paneis de enerxía fotovoltaica | EP

Desafíos e oportunidades

O marco de cara a mediados do século XXI é apocalíptico, en palabras do coordinador do Máster en Enerxías Renovables. “Todo o mundo fala da enerxía, da transición, pero ten que ser algo global: fai falla unha transición social e política“. “Se os expertos non se equivocan, en 2050 seremos dez mil millóns de habitantes, concentrados en urbes con calidade ambiental limitada, falta de auga, disparo nos consumos enerxéticos e necesidade de alimentos no medio dunha conflitividade social e climática importante”.

Con todo, as oportunidades son “enormes”. “Con climatoloxía propicia, este inverno os parques eólicos offshore [instalados en mar aberto] de Reino Unido tiraron para abaixo os prezos da enerxía, pois os kilovatios con esta orixe eran moito máis baratos ca os que saían de fósiles ou nuclear”. Non é o único exemplo. “En Escocia, Hywind montou un parque eólico capaz de abastecer a 20.000 fogares”.

Edificios ecoeficientes passivhaus, un hotel en Noruega que producirá máis enerxía da que consumirá, un parque eólico en México que producirá o kilovatio máis barato da historia… Tamén hai avances no “talón de Aquiles” das renovables, a acumulación, e cita o progreso en baterías de Tesla.

“Temos a nivel nacional pemes líderes en biopetróleos –continúa–; Renfe está a pór a funcionar trens de gas natural; Alstom, trens que funcionan con hidróxeno; Olot, en Xirona, abastécese de biomasa, asociando enerxías de xeotermia, solar e eólica”. As posibilidades están aí, tanto por capacidade tecnolóxica como de traballo, “pero o problema é histórico, como dixo o novo ministro de Ciencia, Pedro Duque”.

Segundo apunta o doutor, España está a sentir o escaso traballo realizado recentemente en investigación. Menciona o caso da Plataforma Solar de Almería, dependente do CIEMAT. “Está en estado crítico. É o centro de investigación fotovoltaica máis importante de Europa e un dos máis importantes do mundo, e por falta de subvencións e desgana, tivo que botar á metade do plantel e está en perigo de seguir funcionando, cando Europa reclama que o manteñamos”.

Para aproveitar estas posibilidades cómpre non repetir errores. “Non podemos elaborar lexislación como o Decreto Lei 1/2012, o famoso parón das renovables, o primeiro que fai o exministro Soria; ou o derradeiro que fai, a famosa normativa 900/2015, o imposto ao sol. Estes decretos limitan o ilimitable”. Os gobernos conservadores ignoraron “un problema global”, como certificará o Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) co informe AR6, a finais deste ano. “Os datos son espeluznantes, temen que os compromisos de aumento CO2 e temperaturas queden curtos”.

Transporte de aeroxeradores para a producción offshore | Iberdrola

As grandes empresas

“A International Renewable Energy Agency (IRENA) ten un estudo que indica que, se facemos a transición enerxética, todo o emprego que se puidera perder nos sistemas fósiles e nucleares pode ser absorbido polo campo das renovables”. A caída de prezos na producción tería que reverterse noutros aspectos. “Pasamos da máquina de vapor a máquinas máis eficientes. Por que non facer o mesmo?“.

Neste senso, lembra a situación das grandes empresas españolas líderes a nivel internacional; empresas involucradas na transición enerxética, dende a construcción ás ferroviarias, nas mercadorías e por suposto nas renovables. “As súas inversións e os seus campos de traballo están fóra de España. Non é problema de capacidade, as nosas empresas lideran proxectos por todo o mundo. Os parques solares de Estados Unidos, as instalacións offshore, os parques eólicos en Europa, o tren á Meca… as empresas son punteiras en renovables, pero traballan onde legalmente é máis cómodo”.

Estas condicións non existen en España, onde “puxéronse impedimentos, fíxose que o investimento en capital humano e económico tanto internacional como nacional saíra e se implementara fóra. Se as nosas empresas gañan fóra máis diñeiro que na casa, apostando por este tipo de tecnoloxía, haberá que cambiar o chip social para facer que produzan en España e a riqueza quede aquí”. E insiste nesta contradicción. “Por que conseguimos montar un parque offshore en Reino Unido que fai caer o prezo do kilovatio e non o facemos en España? Por que non montamos parques solares de última xeración que montamos en Utah? Por que imos montar trenes eficientes en Arabia Saudí e non os podemos montar aquí?”

“Non é incompatible, todo o contrario, co tempo haberá máis riqueza en emprego, en formación e investigación”, remarcou. Esta riqueza permitiría cumprir cos compromisos asinados en Kioto, ratificados, asinados de novo en París e ratificados en Bohn. “Sempre imos por detrás porque non hai un convecemento real de que poida funcionar. Haberá que dar ás empresas un empurrón social e político, para deixar as vellas teimas e os métodos do século XIX”.

Formación de expertos en Enerxía Renovable | USC

O caso de Galicia

A nivel local “temos capacidade de producir enerxía de xeito respectuoso”, pero advirte de que “as políticas teñen que ser valientes, precisamos un cambio de mentalidade nos políticos. Cambiar, innovar, con incentivos fiscais, con investimento en investigación”. “Galicia ten potencialidades nos sectores nos que é forte: pesca, sistemas agroforestais, gandería. Aí temos que invertir, coma por exemplo na agroenerxía, un concepto que estase a desenvolver. Os políticos teñen que crer nisto e estar preparados”.

O equipo de Rodríguez Añón estivo en Madrid como paso previo a implementar o Máster de Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible en Santiago de Compostela. “É o único destas características a nivel nacional e conta cun sistema de doutorando que permite seguir investigando do tema, que tampouco o hai en España. Estivemos dous anos para implementalo, porque consideraban que era moi complicado. E se non hai iniciativas como este máster, non haberá xente capacitada para afrontar os retos que veñen”.

Será crave de cara ao futuro preparar profesionais e non importar talento. “Nos últimos cinco anos, este campo quedou asolado. Tiñamos unha morea de convenios con empresas que foron desaparecendo polos impedimentos do Ministerio”. Así e todo, existe un debate acerca de como convencer ás empresas que teñen capacidade para investir a gran escala na enerxía limpa. O profesor teno claro, “estamos acustumados a certos mecanismos de traballo moi cómodos, producimos por métodos anticuados, pero a coexistencia de enerxías é moi sinxela, é modificar un sistema por outro”.

No tribunal de arbitraxe CIADI saen constantemente sentencias en contra de España polo decreto de 2012, con multas por valor de 8.000 millóns polos cambios na política enerxética. “Incumprimos o que asinamos na Carta de Enerxía. E Galicia, en paralelo: paraliza o concurso eólico do Bipartito, e xa perdeu no TSXG e no Supremo. Temos que devolver uns cartos que en principio pensabamos gañar. Temos que crear un marco legal, unha política a longo prazo, sen pensar en intereses políticos“.

“Lugo é o mesmo caso global de Galicia. Temos que recoñecer o que somos, xerar instrumentación e espazos de traballo para avanzar”. Rodríguez Añón identifica diversas potencialidades na nosa comunidade. “Os aeroxeradores de hoxe poden supor ata 9 MW, enerxía a esgallo. Temos unha capacidade importante na enerxía mariña, coma os muíños de Acea de toda a vida, coma en Viveiro, na saída do río Landro”.

Compara este caso co do estuario de Rance, en Francia, onde levan dende 1966 producindo enerxía cos cambios de marea. “Temos xeotermia, de moi baixa, baixa e media enerxía. Non somos fotovoltaicos por excelencia, pero podemos combinar e compensar coa térmica, coa biomasa. A capacidade de combinar enerxías é bestial“.

Galicia ten forza no seu sistema agroforestal, mais o aproveitamento é insuficiente. “Estamos vendo como en Dinamarca, cunha climatoloxía moito máis adversa, as explotacións gandeiras funcionan, son enerxeticamente autosostibles, e a xente pode vivir delas”. Mentres, en Galicia “deixamos o agro polos costes e problemas”. Apunta á necesaria modernización do tecido productivo, con desenrolos de tecnoloxías xa existentes. 

“Hai uns anos había no porto de Celeiro había o proxecto Peixe Verde, baseado en barcos do día con baterías que se recargaban con hidróxeno aproveitando os excedentes da enerxía eólica. O mar é importante, o barco contamina moitísimo; se temos a capacidade, fagámolo”. Outra potencialidade presente na nosa terra é no gando, sector de primeiro orde en Lugo. “As explotacións poderían ser autosuficientes, reducindo gastos de explotación e incluso exportando enerxía á rede. Faría que as explotacións foran viables e recobrarían o sistema agrogandeiro de Galicia. Pero o primeiro é formación. Houbo un labor importante dos países do norte de Europa, un proceso de concienciación, e o conseguiron”.

Lugo é unha provincia privilexiada“, di Rodríguez Añón, “porque está a tempo de recuperar o seu sistema agroforestal, a súa costa, os seus ríos…”. “Cando poñamos a funcionar este máster profesionalizante poderemos formar técnicos capaces de desenvolver o seu labor no eido das renovables e tamén técnicos da administración para extendelo a todo o sistema”. Doutro xeito, lamenta, o que faga a universidade non terá impacto na sociedade. “Temos ferramentas, coñecemento, empresas para levalo a cabo; á xente hai que darlle un marco legal e un plan”.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...