Faleceu nas últimas horas na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do HULA o neno de 14 anos que o pasado xoves sufriu un grave accidente na estrada Nacional VIN, no tramo entre As Saamasas e Garabolos, que actúa como circunvalación da cidade de Lugo, cando viaxaba no coche que conducía o seu irmán, outro rapaz de 18 anos de idade.
Nese accidente, o segundo que se producía en poucos días nunha zona de gran sinistralidade, dous coches chocaron frontalmente e tamén resultou ferido o seu irmán e a condutora do outro vehículo, unha muller de 37 anos, aínda que no seu caso as lesións foron de carácter leve.
O menor tivo que ser excarcerado polos bombeiros do amasillo de ferros no que quedou convertido o habitáculo do turismo no que viaxaban e desprazado de urxencia ao HULA onde permaneceu ingresado en estado moi grave durante a última semana.
O falecido cursaba segundo de secundaria no Instituto Leiras Pulpeiro de Lugo, onde este xoves se gardará un minuto de silencio, a partir das 12:00 horas, como homenaxe póstuma ao seu compañeiro.