InicioCulturaO mellor do sábado do Arde Lucus 2018

O mellor do sábado do Arde Lucus 2018

Crónica da noite do venres e o sábado do Arde Lucus 2018 – Mira as mellores imaxes do Circo, o Harpastum e o resto de eventos

PUBLICADA O

- Advertisement -

Cae o sol do venres. O lume sagrado garda o Templo das Vestais e alimenta o apetito de cantos pasan pola Praza Maior. Arrefriou neste Arde Lucus, a festa cambia de rexistro e os espectáculos convidan a sentar. A praza de Santa María, timidamente iluminada polos lumes dos rituais, baixa os decibelios e recibe a senadores e clans castrexos. Un importante número de asociacións históricas colaboran nesta representación aderezada con danza e música.

Senadores na noite do venres do Arde Lucus 2018 | Óscar Bernárdez

En Lucus Equites agardan para subir ao escenario. Son unha pequena e famenta representación dos 35 lexionarios desta cohorte. Mentres a tropa revisa o gladio defectuoso dun compañeiro, o centurión rememora os oito anos que levan xa coma asociación, e pensa na de desfiles que restan nas vindeiras horas. Os da Guardia Pretoriana, que perciben mellor soldada, forman a poucos metros e comezan a marcha.

Noite do venres do Arde Lucus 2018 | Óscar Bernárdez

Cos seus uniformes negros, esta garda persoal semella feita para a noite, para as conxuras e a depuración de inimigos do Imperio. Quizais noutra ocasión, porque caminan cara o Harpastum, onde tentarán manter o prestixio da unidade fronte aos seus rivais por excelencia durante o Arde Lucus, os Mercenarios Galaicos. Apois do correspondente sacrificio humano realizado con todo detalle por Caetra Lucensium, os máis afoutos desafiaron en túnica os doce graos centígrados da medianoite.

Foi abraiante a agresividade con que loitaron no xogo da pelota. A liorta foi importante, con abundantes damnificados tanto no campo coma no graderío, incluido quen escribe estas liñas, placado por un castrexo enfervorecido e coa cara pintada de vermellón. Reparten panciños. Chegou o tempo de escalar de novo cara o recinto amurallado, deixando atrás o blanco nuclear por mor da area e a emoción do deporte, que fixo honor á súa consideración coma adestramento militar.

Onde foron os correlumes e os bebedizos nos soportais. É sábado pola mañá, sinónimo de aglomeracións, calor, móbiles, desmaios. Co ritmo dos pretorianos retumbando polos muros de Lugo, abren os postos e os obradoiros da Castra. A xente de ben observa dende o palco da Cohors III as destrezas dos lexionarios e as bailarinas chegadas dende Romanía. Dentro do campamento a imaxe é outra: pilum e scutum a un lado, os compañeiros felicítanse, fan honras a Baco e curan as feridas. Outros gardan a estacada contra o alude de turistas.

Mañá do sábado do Arde Lucus 2018 | Óscar Bernárdez

Na mesma praza, os faunos que atemorizaban á cidade converxen co folk de Wyrdamur. Teares e cociñas funcionan a pleno rendimento ao tempo que os gladiadores aplacan a sede de sangue do populacho. Profesionais da prensa, radio e teles fan acrobacias entre o formigueiro, tentando rexistrar canto sucede entre un número abraiante de tecnoloxía móbil. Os artistas do I Encontro de Banda Deseñada lamentan a falta de visión e o sol implacable, todo un desafío para a témpera que recollerán nunha futura publicación.

Cada pouco tempo pasa a Cohors Urbanae para disuadir aos indesexables. Dende os currunchos vixía a Policía Local, que celebra non ter que intervir. Hai menos xente ca outros anos, explican. A situación complícase cando, de novo, os pretorianos e os galaicos atópanse en Bispo Aguirre. A tartaruga de cor negro queda arrodeada pola horda bárbara, e terán que negociar a saída. Malia a disciplina romana, o estandarte imperial cae en mans do inimigo.

Galaicos e Pretorianos atópanse na mañá do sábado do Arde Lucus 2018 | Óscar Bernárdez

Finalizada a sesión do Senado, canda os postos de comida resulta imposible camiñar. Entre Soidade e Armañá non cabe máis xente. Co paso das horas os visitantes van derivando cara os emprazamentos de Ara Roma e Pax Romana, e dende aí cara Rosalía de Castro, pasando polos fortes de Lucus Equites e Mercenarios Galaicos. Na explanada vai comezar o Circo, que uns miran dende o recinto e o resto espallados polo outeiro. Parte das autoridades chegan tarde, e as que están queren que comece a diversión.

A animación é importante, as gradas conectan cos escravos das diferentes faccións. Hai circo, desta vez o pan foi esquecido. As diferentes probas van subido en violencia, coas béstas lidiando co po e o clamor do público. Os problemas técnicos non desmereceron o baile de espadas e a carreira de bigas. Está por vir o máis bonito, o desfile arredor da muralla. Mais, primeiro, toca teatro nas escadas xunto á catedral. Á noite, a actividade increméntase ao coincidir as asociacións locais e as visitantes. Os deuses dirán o que deparará o domingo.

Estiveches no desfile do Arde Lucus? Búscate!

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...