InicioEconomíaO metal de Lugo sae á rúa contra a oferta dunha suba...

O metal de Lugo sae á rúa contra a oferta dunha suba salarial do 2 % e anuncia outra folga para o día 21

Os sindicatos cifran en maioritario o seguimento da primeira xornada de paro e aseguran que a práctica totalidade das empresas pecharon. Reclaman melloras salariais, redución de xornada e máis cobertura durante as baixas, sen diferenzas entre o siderometal e o comercio do metal.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A primeira xornada de folga no sector do siderometal e do comercio do metal de Lugo rexistrou este mércores, 14 de outubro, un seguimento maioritario, segundo os sindicatos convocantes. A práctica totalidade das empresas da provincia mantivéronse pechadas, mentres as persoas traballadoras saían á rúa para esixir melloras salariais e avances nos seus dereitos laborais e sociais. A mobilización comezou a primeira hora da mañá coa presenza de piquetes informativos nos principais centros de traballo e polígonos industriais de Lugo, A Mariña, Vilalba e Monforte. Na capital lucense, os piquetes percorreron pola mañá o polígono do Ceao e, pola tarde, desprazáronse ás Gándaras, nunha xornada que rematou sen incidencias, segundo a información achegada polos representantes do persoal.

A manifestación celebrada ao mediodía en Lugo, que se prolongou durante unha hora, serviu para visibilizar o malestar do persoal ante a falta de avances na negociación dos convenios colectivos. A protesta conseguiu paralizar a actividade do sector nos dous principais polígonos industriais e provocar numerosas retencións de tráfico. Ao inicio da marcha, Afonso Losada, secretario de CIG-Industria, e Xosé Paz, secretario de CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, valoraron positivamente o seguimento da convocatoria. Losada asegurou que a práctica totalidade das empresas estaban pechadas, “cunha ampla disposición das persoas traballadoras a manter a mobilización para conseguir un acordo que responda ás súas demandas”.

Un dos principais motivos do conflito é a última proposta da patronal, remitida por WhatsApp, que inclúe un incremento salarial do 2 %. Losada considera que esta suba segue a ser “insuficiente” e critica tamén a proposta de redución da xornada laboral, limitada a catro horas e unicamente para o convenio do siderometal. Esta medida deixaría fóra o persoal suxeito ao convenio do comercio do metal, unha diferenza que os sindicatos rexeitan.

Xosé Paz lembrou que ambos os convenios se negocian de maneira paralela na provincia e advertiu de que non aceptarán diferenzas de trato entre os dous sectores. Ademais das melloras salariais e da redución de xornada, a patronal non asumiu, segundo os representantes sindicais, as reivindicacións sociais relacionadas coa ampliación das coberturas durante as situacións de incapacidade temporal (IT) nin coa revisión dos salarios para garantir o mantemento do poder adquisitivo. Os sindicatos encadran estas demandas nun contexto de suba dos prezos e encarecemento do custo da vida.

NOVA XORNADA DE FOLGA O 21 DE OUTUBRO

Entre as principais reivindicacións das persoas traballadoras figuran un incremento salarial digno, unha cláusula de revisión vinculada ao índice de prezos de consumo (IPC), a redución da xornada laboral e melloras nas coberturas durante as baixas e nos permisos laborais. Losada e Paz sinalaron que aínda non hai fixada unha nova reunión da mesa de negociación, aínda que reiteraron a disposición da representación sindical “a continuar dialogando para alcanzar un acordo”. Porén, advertiron de que, se non se producen avances que permitan pechar un pacto xusto, o persoal volverá á folga o vindeiro 21 de outubro. Os sindicatos tamén avaliarán novas convocatorias se a patronal non muda de posición.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo eleva o seu orzamento para 2027 ata os 155 millóns, case un 15 % máis que este ano

A Deputación de Lugo contará en 2027 cun orzamento de 155.241.120 euros, o máis...

Pontón e Rodil inician a campaña en Lugo pedindo “salarios e pensións dignos para poder chegar a fin de mes”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, elixiu Lugo para iniciar a campaña electoral...

Besteiro critica os “millóns dilapidados” por Feijóo en Lugo en “proxectos fracasados”, como o de Rozas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a historia recente...

Un xulgado de Lugo exime preventivamente a un otorrino de 60 anos de facer gardas médicas por razón da súa idade

O xulgado de instancia de Lugo, praza 1 da sección do contencioso-administrativo, acordou eximir...