O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé (PSdeG) asinou este mércores un convenio de colaboración co presidente da asociación Centro de Interpretación Avifauna, Antonio Ibáñez, por valor de 40.000 euros para “fomentar a educación ambiental entre escolares e colectivos da provincia”.
Segundo trasladou a administración provincial nun comunicado, este convenio permite contribuír ao ‘Programa de visitas guiadas Educación Ambiental orientada á Comunidade Educativa e Asociacións’, que inclúe visitas guiadas adaptadas, actividades didácticas ou uso de material interactivo para “coñecer de primeira man a fauna, hábitat e medidas de conservación” do parque.
As actividades que ofrece o programa están destinadas a ANPAS, centros escolares da provincia e entidades sen ánimo de lucro, e limítanse a grupos de 50 persoas para “garantir unha atención personalizada”. José Tomé puxo en valor o “importante traballo” que realiza a asociación para “protexer e conservar aves“, “fomentar a educación ambiental” e “promover a responsabilidade e o respecto cara ao patrimonio cultural galego”.
En concreto, o Parque zoolóxico de Avifauna atópase no municipio lucense de Outeiro de Rei, e acolle unhas “400 aves de 250 especies diferentes” provenientes de “todas as partes do mundo” e que, nalgúns casos, atópanse “en perigo de extinción”.