A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) da cidade deportiva do Club Deportivo Lugo, en Outeiro de Rei, un instrumento destinado a abordar a ordenación pormenorizada dos terreos de solo rústico nos que está prevista a futura implantación deste equipamento. Así consta no informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxo anuncio foi publicado este luns no Diario Oficial de Galicia.
Tras analizar o plan, o informe establece que “non son previsibles efectos ambientais adversos significativos”, sempre que se cumpran as condicións incluídas na propia resolución para contribuír á salvagarda dos valores do patrimonio cultural presentes no ámbito e na súa contorna, así como para mellorar a integración paisaxística das actuacións proxectadas. Nun comunicado, a Xunta lembra que esta resolución se emite no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEID, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados.
Tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalos e realizar as súas observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibise ningunha. Unha vez ditada a resolución, o informe ambiental foi remitido ao promotor, o CD Lugo, e ao órgano substantivo, o Concello de Outeiro de Rei, xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas. Agora faise público mediante a publicación do anuncio correspondente tanto no Diario Oficial de Galicia como a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente.
MÁIS DE 96.000 METROS CADRADOS
O ámbito de actuación abrangue unha superficie total de 96.272,6 metros cadrados, na que se prevé dispor tres campos de fútbol orientados de norte a sur, cunha edificación principal na zona norte da parcela e un campo de menor tamaño ao sur. Esta distribución busca acadar a máxima integración das infraestruturas deportivas na topografía e no tecido vexetal preexistente nos terreos. A zonificación prevista no PEID estrutúrase en tres áreas.
A primeira, situada ao sur do ámbito e cunha superficie de 42.462 metros cadrados, constituirá o principal espazo e estará destinada a pistas e instalacións ao aire libre. Esta zona contará cunha bancada perimetral que pechará o espazo deportivo e permitirá edificación en dúas plantas. A zona 2, situada na metade noroeste, contará con 32.376 metros cadrados de superficie dedicados a espazos libres.
Nela integrarase a maior parte da vexetación autóctona existente, así como a zona de charcas e pozas. Por último, a zona 3, situada ao nordés, terá unha superficie de 21.430 metros cadrados, na que se propón unha edificación de dúas plantas. Esta área tamén integrará as ruínas industriais, que serán rehabilitadas e acondicionadas, e as edificacións destinaranse a usos de alto rendemento, aloxamento e residencia.
