Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e Iván Argiz, saen da casa cos seus respectivos remos para ir adestrar ao río Miño. Son de Lugo e tal e como indica o mesmo apelido, son irmáns, compartiron o día de nacemento, comparten moitas características físicas e tamén comparten unha paixón e un deporte: o piragüismo. O Galicia Confidencial puido falar con estes irmáns, que igual ca os Williams en fútbol son referentes na elite do fútbol, os Argiz son unha promesa de España na modalidade de canoa. Ambos contan que comezaron neste deporte porque unha prima facía piragüismo no club do lado, o Cidade de Lugo, e os animou para apuntarse xa fai tres anos. “Nunhas vacacións en Cangas, collín por primeira vez un kayak e xa me chamou a atención”, explica Iván. Ambos son deportistas do Club Fluvial de Lugo, que vén de levar medalla nesta pasada fin de semana co Campionato de España de cadetes. Iso si, un é destro e o outro zurdo!
“Son dous rapaces que comezaron cando eran alevíns de último ano, adestraron de forma constante durante os últimos tres anos, e agora estanse vendo os resultados, son espectaculares”, afirma José Rois, directivo da sección de piragüismo no Club Fluvial de Lugo.
COMO LEVAN O DE SER IRMÁNS QUE LOITAN POR UN MESMO OBXECTIVO?
Iván Argiz é canoista e vén de subir ao máis alto do podio cun ouro na modalidade C2, xunto a Alejandro Pérez. Por se iso fose pouco tamén levou a prata no C1, de xeito individual e outra prata no C4, xunto a Uxía Racamonde, Alejandro Pérez e o seu irmán, Hugo. Destaca que o peor desta disciplina deportiva está no adestramento, especialmente no inverno, e que o mellor é o verán cos amigos. “Non é só remar, tamén está o ximnasio e vir aquí nos meses de inverno, fai moito frío, sobre todo nas mans que están descubertas”, expón. Compite na modalidade de canoa porque cando, viu ao seu adestrador de xeonllos e cun só remo nunha canoa, dixo “eu quero facer isto”. Entre os recoñecementos obtidos sinala que lle sorprendeu quedar campión de España o ano pasado e que vén de ser campión de España no C2 e subcampión no C1: “É o resultado do traballo de todo ano, iso é importante”. Con tan só 15 anos está no momento de soñar ao grande e apunta aos Xogos Olímpicos, tendo de referentes a David Cal e Diego Domínguez.
Que supón para Iván compartir isto con Hugo? Destaca do seu irmán que é “loitador e a súa resistencia remando”. Porén, tamén recoñece que se pelexan bastante e, máis se cabe, cando van no C2: “Non nos levamos moi ben, pero supoño que hai tamén unha parte boa”.
É a quenda de Hugo Argiz, tamén canoista como o seu irmán e que vén de ser peza clave nesa prata na modalidade C4 no Campionato de España. Fai fincapé en que é un deporte “duro físicamente” e tamén “mentalmente” e que hai moito traballo por detrás: “Ao final a xente só ve a parte das competicións, pero hai moito traballo para chegar a elas”. Entre os logros obtidos ata a data menciona o subcampionato de España no C2, esta última prata no C4 e tamén quedar cuarto nunha regata internacional.
Que supón para Hugo compartir isto con Iván? “Lévase mal porque pelexamos moito e cando adestramos buscamos ver quen queda primeiro, hai moita competencia”. Iso non quita que teña boas palabras para o seu irmán ao que define como ” moi disciplinado” e do que destaca “a súa técnica”.
“Os dous son moi bos compañeiros, son alegres e están na fase da adolescencia, o que supón que haxa que frealos. Hai que obrigalos a respetar o día de descanso porque se fose por eles estarían adestrando todos os días. Na súa relación de irmáns diría que se aplica a famosa frase de Nin contigo nin sin ti”, comenta Rois.
O CLUB FLUVIAL DE LUGO E A APOSTA FIRME POR ESTE DEPORTE
A sección de piragüismo, según expón o directivo, nace á vez que o Club Fluvial de Lugo no 1936, “o club máis antigo de Galicia e o segundo máis antigo de España”. Foi no ano 1954 cando se organizo a primeira regata a nivel nacional, desde entón pasaron milleiros de rapaces e rapazas pola sección: “Temos dous medallistas olímpicos, dous olímpicos con podio, Luis Ramos Misioné e Cristian Isaac Toro”, destaca e engade que tamén son o club con máis licenzas de Galicia, con 150 deportistas pertencentes ao equipo de competición. “Seguimos aumentando o número de participantes e estamos abertos a calquera rapaz que queira aprender a andar en piragua”, apunta Rois. Que lles chama a atención deste deporte? “Probablemente polo contacto coa natureza, as viaxes e o bo ambiente dentro dun club, aquí todos somos iguais. De feito, o labor do adestrador é moi importante, pero o que destaca é o crono, non hai preferidos, os mellores son os que máis destacan”.
A Federación Galega de Piragüismo é a “máis importante de España” e desde marzo a outubro hai competición en distintas categorías. Por exemplo, os Campionatos de España e autonómicos, a nivel máis pequeno, a liga provincial, así como descensos de sona como o de Sanabria, Sella e o Miño. Explica José Rois: “Hai moitas competicións distintas, a nivel Senior, está a Liga Hernando Calleja, o Campionato de España de inverno e de verán e dúas Copas”. No que atinxe ás categorías de promoción, “os xoves promesas” teñen dous Campionatos de España, en inverno e verán, e unha Copa de España.
Polo xeral os deportistas do club adestran seis dias á semana, nunha dobre sesión e non só fan piragüismo, senón tamén carreira e ximnasio. “É un deporte duro e hai que ter moito interese en practicalo porque superar o inverno en Lugo non é doado, soemos dicir que o que pasa un inverno en Lugo é piraguista de verdade”, expón. A día de hoxe fai fincapé en que hai tres rapaces no equipo nacional e palistas nos Centros de Tecnificación, que se formaron no Fluvial de Lugo. “É o deporte olímpico con maior número de medallas en España, xunto coa vela, cun 60% de representantes homes e un 40% de mulleres, cun crecemento exponencial nos últimos anos”, manifesta.
José Rois volve facer mención a que Hugo e Iván serán “uns canoístas moi destacados a nivel internacional” e que o proceso é longo. Lembra que tiveron moito que traballar con eles por ser inquietos e impulsivos, sendo o piragüismo un deporte que ten moito de táctica e de traballo psicolóxico. “É o que máis teñen que traballar porque no aspecto físico van sobrados”, considera. A curto prazo o obxectivo é a posibilidade de acceder ao Centro de Tecnificación Deportiva en Pontevedra, no que poderían adecuar os horarios lectivos cos adestramentos, o que lles permitiría “adestrar mellor e con profesionais como fisioterapeutas ou nutricionistas para eles”. Está claro que non hai que perderlles a pista, tomaron nota? Os irmáns Argiz.