EFE | O Club Fluvial de Lugo puxo en dúbida o proceso de selección do K1 200 e o K4 500 de categoría masculina para os Xogos Olímpicos de Tokio e así llo transmitiu nunha carta formal ao presidente da Federación Española de Piragüismo, Pedro Pablo Barrios.
Na misiva, o presidente da entidade lucense, Tito Valledor, denuncia “posibles irregularidades no proceso de selección” e reclama un sistema “o máis limpo, igualitario e transparente posible” para que en Xapón represente a España “a mellor embarcación posible”.
“PARCIALIDADE” DO ADESTRADOR
O club galego sostén nun comunicado que actúa en defensa lexítima do seu deportista Cristian Toro ante a conduta “totalmente unilateral e absolutamente parcial ou partidista por parte do adestrador Miguel García”.
Neste sentido, reclama que, “en aras dunha selección obxectiva e real, se volva ao criterio de clasificación anterior, realizando probas en liña na modalidade de K1 200 metros e 400 metros, sendo os catro mellores clasificados os que integren o K4”.
Segundo a súa versión, “o comportamento do adestrador Miguel García e os feitos ocorridos a pasada fin de semana no campo de regatas de Trasona (Asturias)” motivan este “paso á fronte” que dá o club galego.
“O punto de partida dos feitos que agora denuncia o Club Fluvial tivo lugar na non conformidade cos criterios de selección, establecidos no ano 2019, tanto por parte do técnico como dos integrantes do K4 subcampión do mundo ese mesmo ano: Saúl Craviotto, Carlos Arévalo, Marcus Cooper e Rodrigo Germade”, advirte.
Engade que “o propio adestrador levaba a cabo unha defensa da embarcación que participou no Campionato do Mundo de 2019, sen ter en conta o resto de deportistas que estaban incluídos no proceso de selección como son Cristian Isaac Toro e Carlos Garrote”. Lembra o Fluvial que o selectivo finalmente tivo que interromperse pola situación sociosanitaria que afectou a todo o planeta no ano 2020.
“Na tempada 2020-2021 optouse por que todos os seleccionados (6) formasen un só grupo de adestramento para realizar as avaliacións do K4 e adestrar xuntos para favorecer a relación entre eles. Todo para tentar formar a mellor embarcación K4 posible”, explica.
FALTA DE TRANSPARENCIA
Relata que “os criterios se adaptaron á nova situación e é a partir de entón o adestrador Miguel García demostra unha actuación totalmente unilateral e absolutamente parcial ou partidista”. Aseguran que foi el mesmo “quen convocou as probas sen aviso previo e sen que a RFEP fose a que realizase a convocatoria, ditando ao seu antoxo unhas normas e datas sen ser esta a súa función nin a súa responsabilidade”.
“A falta de información sobre o primeiro período de avaliacións, levado a cabo en Sevilla, foi absoluta, e a proba definitiva das irregularidades tivo lugar a pasada fin de semana nas regatas celebradas en Asturias“, abunda.
CIFRAS “SOSPEITOSAS”
Afirma tamén que “as probas desenvolvidas desde o xoves 4 ao domingo 7 de marzo lanzan cifras que calquera técnico especializado na materia podería cualificar como ‘sospeitosas‘”.
“Despois dos tests individuais de K1 200 metros do xoves levaron a cabo as probas da embarcación grupal sobre 500 metros. O venres foi a quenda de Saúl Craviotto, Carlos Garrote, Carlos Arévalo e Cristian Isaac ToroM que marcaron un tempo de 1:24. O sábado Saúl Craviotto, Marcus Cooper, Carlos Arévalo e Cristian Isaac Toro pararon o crono en 1:24.6″”, di.
Segundo a súa versión, “é o domingo cando a actuación do cuarteto que compoñen Saúl Craviotto, Carlos Arévalo, Marcus Cooper e Rodrigo Germade levanta todas as sospeitas”. “Os actuais subcampións do mundo na distancia fixaron a marca en 1:20.08, o que supón practicamente 4 segundos de diferenza con respecto ao K4 do día anterior e todo iso tendo en cuenta que só se modificou o cuarto integrante da embarcación”, apunta.
Para o Fluvial de Lugo, “este detalle confirma as sospeitas de que o K4 que competiu no ano 2019 no Campionato do Mundo de Hungría, e que en todo momento se opuxo a calquera proceso de selección no que puidesen estar outros integrantes que non fosen eses, tiña que ser o seleccionado”.
“Esta actitude acredita igualmente que os citados padeeiros, deliberadamente non actuaron de forma obxectiva nin co mesmo rendemento que nas outras combinacións realizadas”, precisa.
Por todo iso, a entidade galega decidiu denuncialo publicamente “non só por defender os intereses” de Toro, “senón tamén por velar polos valores de limpeza, compañeirismo e deportividade que deben reinar nesta disciplina e en toda selección xusta á vez que obxectiva”.