O Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo acollerá o vindeiro 15 de maio o concerto As rúas do vento ceibe, unha produción de grande formato que reunirá oito corais galegas e a Orquestra Sinfónica de Pontevedra arredor de poemas de Manuel María, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.
O concerto estrea un proxecto cultural impulsado pola Fundación Manuel María, que propuxo ao compositor Carlos Seráns escribir a música para poemas de “As rúas do vento ceibe”. Esa proposta inicial foi medrando para configurar o repertorio do concerto conformado por trece composicións -11 sobre poemas de Manuel María e outras dúas sobre poemas de Rosalía e Celso Emilio Ferreiro -.
A interpretación correrá a cargo de voces de oito corais galegas -Coro do Hospital de Lugo, Coro Voces da Terra Chá, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral Solfa de Compostela, Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, Coro do IES A Xunqueira, Peque Coro in crescendo do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol e o Coro de Cámara Thalassa de Marín – e da Orquestra Sinfónica de Pontevedra,dirixida por David Fiuza.
A deputada de Cultura Iria Castro, a concelleira de Cultura Maite Ferreiro, o presidente da Fundación Manuel María Alberte Ansede e a presidente da Asociación Cultural Solfa Lucía Carreira presentaron este mediodía o concerto nun acto en que se destacou a excepcionalidade do concerto: “un espectáculo único” e “inédito” que reunirá no escenario máis 300 persoas e que suporá a estrea absoluta da maioría das pezas.
Iria Castro subliñou “a colaboracion e entendemento entre sensibilidades e formacións musicais de toda Galiza neste proxecto cultural”. “Lugo sempre vai ser casa para este tipo de iniciativas e tamén para a Casa Manuel María”, que é un referente cultural para todo o país.
Maite Ferreiro destacou “a elección de Lugo para a estrea deste proxecto cultural de país, que reivindica os nosos autores e as nosas letras” e puxo en relevo que “se estree nun auditorio que leva o nome de Fuxan Os Ventos, outro nome fundamental da nosa cultura, nas vésperas da festa das Letras”.
Lucía Carreira expresou a “emoción compartida” polas formacións que participaron na iniciativa mentras Alberte Ansede fixo fincapé na estrea en Lugo, primeira cidade dun itinerario que continuará en Pontevedra -29 de maio – e en Santiago de Compostela -30 de maio – . A este respecto, lembrou que “Fuxan Os Ventos, que lle dá nome ao Auditorio, foi a banda sonora da vida de Manuel María e un grupo que contribuiu enormemente a que Manuel María sexa, con Rosalía, o poeta galego máis musicado”.
