InicioCulturaSan Froilán 2025 amplía o seu cartel con novos artistas nacionais e...

San Froilán 2025 amplía o seu cartel con novos artistas nacionais e internacionais

Cristina Branco, Dakidarría, Queralt Lahoz e O Pony Pisador súmanse a Tanxugueiras, Xoel López e Lia Kali nunha programación que combina tradición e vangarda.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A área de Cultura do Concello de Lugo fixo pública esta mañá de luns unha nova ampliación da programación das festas de San Froilán 2025, que se celebrarán entre o 4 e o 12 de outubro.

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacaron a presenza de varios artistas nacionais e internacionais como Cristina Branco, Dakidarría, Queralt Lahoz ou O Pony Pisador, que se suman a Tanxugueiras, Xoel López ou Lia Kali, que xa estaban confirmados. “Trátase dun cartel que combina tradición e vangarda, voces consolidadas e propostas emerxentes”, sinalou a edil nacionalista.

Pola súa banda, Arroxo subliñou que o San Froilán “non é só un calendario de concertos, senón unha oportunidade para mostrar a identidade cultural de Lugo e pór en valor a cidade como capital da música e a convivencia. Queremos que veciñas e visitantes vivan a festa como unha experiencia colectiva na que se unan música, gastronomía e tradición”.

O cartel de San Froilán 2025 queda configurado así cos xa confirmados Tanxugueiras, Xoel López, Lia Kali, Consorcio, Guadi Galego, Biznaga, Bala, Beira Fauna, Patáx e Lucía Pérez. A eles súmanse Dakidarría, Queralt Lahoz, Cristina Branco, Irmaus dá Raia Seca, Germán Díaz, O Niño, SonDeSeu, Uxía, Nogen, Anxo Araujo, O Pony Pisador, Abril, De Ninghures, Mocho Gris, Loita Amada, Festikultores e Duendeneta.

Ferreiro engadiu que a programación aposta pola incorporación de bandas e proxectos de distintos puntos de España e mesmo de Portugal, o que enriquece o diálogo cultural. “É fundamental dar espazo a artistas galegos como Dakidarría ou De Ninghures, que traballan a nosa música desde unha perspectiva contemporánea, pero tamén abrirnos a propostas como as de Queralt Lahoz ou Nogen, que achegan novas linguaxes”, explicou.

Ferreiro concluíu que esperan que tanto a cidadanía como os visitantes “sintan as festas como propias, gozando non só dos concertos nas prazas Horta do Seminario, Santa María e Mosqueira, senón tamén da animación de rúa e das actividades nos barrios”.

Arroxo lembrou, ademais, que aínda quedan por confirmar novos concertos, pasacalles e actuacións de orquestras que se darán a coñecer nas próximas semanas e que completarán un programa con máis de 200 actividades.

+ posts

ÚLTIMAS

Pechado o programa de actividades para o 8M da área de Muller do Concello de Lugo

A área de Muller, Igualdade e Inclusión do Concello de Lugo pechou o programa...

O PPdeG reclama a PSdeG e BNG “asumir responsabilidades” por permitir que Tomé siga de alcalde e deputado

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, esixiu ao PSdeG e ao BNG...

O PPdeG non asistirá ao acto do 8M na Deputación de Lugo por mor do “branqueamento” de José Tomé

Os deputados do Grupo Provincial Popular de Lugo anunciaron este martes que non asistiran...

A Rede Museística é a institución de referencia no apoio á creación feminina segundo un informe

informe Las Artistas, aquí y ahora elaborado pola Asociación de  Mujeres en las Artes...