InicioCulturaVolve o festival decano da música clásica en Galicia: o Festival Cidade...

Volve o festival decano da música clásica en Galicia: o Festival Cidade de Lugo, do 17 ao 31 de maio

Nesta ocasión o festival contará con catro actuacións vinculadas á música barroca, dúas á música de cámara e dúas á sinfónica, todas ás 20.30 horas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O festival decano da música clásica en Galicia, o Festival Cidade de Lugo, presentou este mércores a programación que desenvolverá entre o 17 e o 31 de maio, composta por oito grandes concertos en tres escenarios diferentes. Este ano, como novidade, o novo auditorio Fuxan os Ventos acollerá tres das citas. A organización deste festival, que naceu fai 52 edicións como Semana de Música do Corpus, está a cargo novamente da Sociedade Filarmónica de Lugo, quen, a través de José Luís Díaz, explicou que esta cita cultural é “unha exposición temporal que nos permite mostrar cinco séculos de música”.

As actuacións terán lugar ademais de no novo auditorio, no Círculo das Artes e no Conservatorio de Música, lugares habituais que conseguiron noutras edicións completar o aforamento. Nesta ocasión o festival contará con catro actuacións vinculadas á música barroca, dúas á música de cámara e dúas á sinfónica, todas ás 20.30 horas. As entradas son gratuítas no Círculo e o Conservatorio, pero para as do auditorio hai que retiralas da web. Rubén Arroxo, que agradeceu o traballo continuado dos organizadores, afirmou que o programa deste ano “inclúe a artistas e propostas musicais de gran calidade artística e prestixio internacional”.

PROGRAMACIÓN

O festival arrincará o sábado 17 de maio no auditorio Fuxan os Ventos co conxunto galego Gallaecia Ensemble Barroco, que presentan un espectáculo escénico, ‘Eu, Francesca’, sobre a primeira ópera que escribiu unha muller no 400 aniversario da súa creación, ‘A Liberazzione dei Ruggiero’, de Francesca Caccini. O día 20, no Círculo das Artes actuarán A Spagna, xunto á soprano chinesa Jiayu Jin, representará ‘Lamenti dei donna’, seis queixumes de mulleres a través de arias de ópera.

Continuarán o 23 no Conservatorio de Música Xoán Montes coa Ritirata, un grupo moi mediático coa súa actuación titulada ‘Il Spiritillo Brando’ –músicas cortesás de Italia e España na transición do Renacemento ao Barroco–. Este grupo é moi coñecido por pór música á serie histórica de Netflix ‘A vida breve’. Ao día seguinte, no Círculo das Artes, Cosmos Quartet presenta os seus Ecos Londinienses, un concerto de catro obras de catro grandes da música de séculos diferentes: Haydn, Adès, Purcell e Britten. O martes 27 de maio, no Conservatorio Xoán Montes, Eduardo Fernández, considerado un dos mellores pianistas do Estado, interpretará obras de Bach, Sibelius, Liszt e Chopin.

ÚLTIMAS ACTUACIÓNS

O Círculo das Artes acollerá a penúltima actuación, o 29, a do contratenor español Carlos Mena, que ofrecerá o ‘Concerto 1700’, con música sacra de Vivaldi. Terminará a semana con dúas actuacións no auditorio Fuxan os Ventos. O 30 de maio a Orquestra Gaos, dirixida por Fernando Brione, xunto ao violinista Daniel Vlashi ofrecerá un concerto con música de Falla, ‘O chapeu de tres picos’.

E o último día, de novo no auditorio, actuará a Orquestra Sinfónica Vigo 430, con Nancy Zhou, ao violín, e Isabel Rubio, na dirección, con dous clásicos, o ‘Concerto para violín’ de Chaikovski e a ‘Sinfonía nº 6’ de Beethoven. Iria Castro destacou que con este festival pon de relevancia que “hai cultura fóra da AP-9” e asegurou que mantén “o compromiso con todas as manifestacións artísticas, apoiando ao tecido cultural local e favorecendo que a veciñanza poida gozar de propostas que sen este tipo de iniciativas non sería posible ver en Lugo”.

ÚLTIMAS

Inspeción sanciona con case 850.000 euros a dúas empresas implicadas na contratación de temporeiros en Begonte

A Inspección de Traballo impuxo sancións que ascenden a case 850.000 euros ás dúas empresas implicadas...

Axentes atopan a un paciente do HULA en pixama polas rúas de Lugo

A Policía Local de Lugo realizou unha serie de actuacións humanitarias co obxectivo de...

O BNG insta á Xunta a actuar “con urxencia” no xulgado de Lugo tras o seu peche por risco de novos derrubes

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento galego Olalla Rodil solicitou á Xunta que actúe "con...

Unha muller agride a un axente en Lugo tras saír da vía o vehículo no que viaxaba de acompañante

A Policía Local de Lugo detivo a unha muller por agredir a un axente despois de...