InicioCultura“Sempre en Galiza. 1944-2024”, inaugurada no Museo Provincial de Lugo

“Sempre en Galiza. 1944-2024”, inaugurada no Museo Provincial de Lugo

A mostra versa sobre a obra cumio do pensamento político de Castelao, un alegato a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galiza. Permanecerá exposta ata o 30 de marzo de 2025.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A mostra, comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono, plásmase en oito paneis que resumen o contido da obra, con textos descritivos e reproducións de fotos históricas e debuxos de Castelao.

Trátase dunha descrición cronolóxica, que explica os textos en relación coa súa actividade política desde 1934,  cando asina os primeiros artigos , no desterro estremeño, ata 1944, cando se funda o Consello de Galiza, goberno galego no exilio do que foi primeiro presidente, e se publica a primeira edición da obra.

Producida por Merlín Comunicación e Editorial Galaxia, exponse no Museo xunto a unha primeira edición de “Sempre en Galiza”, publicada na Arxentina pola editorial “As Burgas” do Centro Orensano de Buenos Aires, na imprenta “Artes Gráficas Bartolomé U. Chiesino”, o 10 de marzo de 1944. A publicación, que foi enviada clandestinamente a Galiza,  inclúe unha dedicatoria a José Conde, poeta e pintor ourensán que emigrou en 1935 á Arxentina, onde debeu coñecer a Castelao e lle asinou o libro. En Bos Aires participou activamente na vida cultural da emigración galega e fundou a revista Mundo Gallego, que publicou números entre 1951 e 1952. Retornou a Ourense nos últimos anos da súa vida, nos que fixo colaboracións coa prensa local.

Na inauguración da mostra participaron o pasado 16 de xaneiro o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo; a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro; e a deputada de Cultura Iria Castro. Esta última referiuse á “necesidade de recuperar e difundir entre a cidadanía o pensamento e a dimensión política de Castelao”, pensamento que el mesmo reivindicou dende a súa condición de exiliado. 

A responsable provincial tamén valorou “o carácter divulgativo da exposición, que achega á cidadanía  unha obra política fundamental para a historia galega contemporánea”

A mostra permanecerá exposta no Museo ata o 30 de marzo de 2025.

PROGRAMACIÓN DO ’75 CABODANO DE CASTELAO’

A mostra forma parte da programación conmemorativa “75 cabodano de Castelao (1950-2025)” coa que o Museo Provincial de Lugo difundirá o legado artístico e político de Castelao no primeiro trimestre deste ano, coa colaboración de diferentes institucións galegas.

Outro dos proxectos expositivos que pode verse estes días no Museo é a mostra bibliográfica “75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza”, que conmemora o setenta e cinco aniversario da publicación desta obra que Castelao asinou días antes de falecer, no exilio, en Arxentina.

Ademais, está prevista a celebración de dous relatorios: o día 20 de febreiro, o Museo Provincial de Lugo acollerá unha ponencia de Fernando Arribas sobre as achegas de Castelao aos comezos da investigación científica dos cruceiros; o  día 28 de febreiro, celebrarase a II Xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego, coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, con intervencións de Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Victoria Carballo Calero, Diana Vila Meis e Francisco Rodríguez.

A OBRA DE CASTELAO NO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

O Museo Provincial de Lugo conserva entre os seus fondos unha colección de trinta obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña 1886 – Bos Aires, Arxentina 1950), exposta integramente ao público.

Unha sala monográfica dedicada ao artista dende o ano 2010, onde se recollen debuxos, gravados realizados con diversas técnicas e unha acuarela, feitos na súa maioría nos anos vinte do século XX, ubicada na sala 25 do primeiro andar e dous óleos sobre cartón, “Asno e gaivotas” e “Paisaxe con castiñeiro”, que se poden ver na sala 13 dedicada ás Vangardas Históricas e Arte da posguerra.

ÚLTIMAS

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas tras un choque en Lugo

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas, e unha delas excarcerada, tras chocar un coche...

Unha disputa no fogar acaba cun home e unha muller detidos tras recibir asistencia sanitaria

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron o domingo a un home e a unha...

Rescatan en Lugo a un can atrapado nunha xanela

Axentes da Policía Local rescataron en Lugo a un can que quedou atrapado na...

Deteñen un home en Lugo por violencia de xénero

Un home foi detido en Lugo por un delito de violencia de xénero, segundo...