InicioCulturaAmador Arias: "Despois de 'O que arde', chamáronme para proxectos de fóra,...

Amador Arias: “Despois de ‘O que arde’, chamáronme para proxectos de fóra, pero non de Galicia”

Conversamos co fonsagradino unhas semanas antes dos Premios Mestre Mateo, nos que opta ao galardón como Mellor Actor Protagonista. "O gran triunfo é que o cinema galego estea en todo o mundo", sostén. El, pola súa parte, xa ten na cachola as cernas dalgunha historia que lle gustaría contar: "nenos labregos" e "experiencias que raian a ficción", desvela. Seguro que había procurar creacións con alma: "A 'O que arde, se non é en galego, fáltalle a alma do pobo".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Amador Arias (A Fonsagrada, 1957) fala paseniño. Igual ca o personaxe que interpreta no filme O que arde, Amador fai uso dos silencios na súa conversa. Pero non lle importa falar. Faino con gusto, agradecido de que queiran escoitalo, porque iso significa, di, que hai miradas postas no cinema máis pequeniño.

O que arde, porén, é unha película inmensa. “Está feita dende a raíz. É un poema de principio a fin”, describe o actor protagonista, que axiña explica que a historia transcende por moito a problemática dos incendios, da eucaliptización ou da explotación da terra. “É unha película de amor, aínda que tamén de dor”. E, xa se sabe, esas emocións son internacionais: “En China ou na Arxentina sentíana deles. Eles conectan co filme mellor ca en España, porque aquí a maioría das persoas céntranse no lume, sobre todo. E non é unha peli de lume”.

MESTRE MATEO: “SE GAÑA MIGUEL DE LIRA, ALEGRARÍAME”

Fala con coñecemento de causa, porque xa observou as reaccións entre o público duns cantos países durante esta aventura. O que arde participou en preto dun centenar de festivais por todo o mundo, dende Xapón ata Grecia ou Canadá. Neste 2020 tamén están previstas proxeccións en México, Reino Unido ou Marrocos. Polo medio, unha parada en Galicia: os premios Mestre Mateo, que se celebrarán o vindeiro sábado 7 de marzo.

Amador Arias, no festival de Cannes, en maio do 2019 | Getty Images

A longametraxe opta a doce galardóns, entre os que está o de Mellor Intepretación Masculina Protagonista para Amador Arias. Miguel De Lira, Luís Tosar e Darío Grandinetti completan o cadro de candidatos nesta categoría, así que o fonsagradino non ten moi claro que sexa el quen recolla o premio. “Se gaña De Lira, alegraríame igual ou máis ca se o gaño eu. A min encántame o que fai”, confesa Amador Arias.

Arias afronta a gala dos Premios Mestre Mateo con tranquilidade e con ganas de desfrutar do audiovisual galego, do que destaca a calidade de creadoras e creadores noviños “que veñen con moitísima forza”. “A certa idade, se che dan un recoñecemento deste tipo, enches o peito, pero hai que apoiar a xuventude e o cinema que fan porque é  marabilloso”, reivindica.

A HISTORIA QUE LLE GUSTARÍA CONTAR A AMADOR

Enredados nunha morea de nomes e recomendacións sobre o cinema galego actual, a conversa vira cara aos posibles futuros proxectos de Amador. “Si que hai algo por aí entre mans”, desvela, aínda que procura non dar “bombazos” antes de tempo. “Despois de O que arde chamáronme para algún proxecto nacional ou de fóra de España. Pero ninguén de Galicia, é curioso. Parece que hai máis repercusión no estranxeiro”.

Tamén a el lle gustaría emprender o seu propio proxecto audiovisual. “A min gustaríame contar historias de nenos labregos de toda Galicia. Pateei moitísimas aldeas, cociñas… e dei con experiencias reais que raian a ficción”. Di ter na cabeza imaxes de nenos da Montaña cos mocos conxelados; outros, ben miúdos, subidos á cabina dun tractor. “Sería máis ben unha serie con varios capítulos”, parte deles xa a medio escribir.

“QUE TE QUEIRAN EN GALEGO…”

Recoñece que lle gusta fixarse nesas “cousas pequeniñas” da vida, igual que fixeron Oliver Laxe e o seu equipo. Ese é para el un dos acertos e éxitos da película, alén do monte de premios conseguidos. Así e todo, “o gran triunfo é que o cinema galego estea en todo o mundo”; teno claro. “Que te queiran en galego… Iso é bonito”.

Explica que todas as proxeccións soaron na nosa lingua, moitas veces con subtítulos, pero o certo é que iso supuxo limitacións á hora de distribuír o filme. “O equipo pensou en dobrar a película, porque moitas salas comerciais bótanse atrás por ese motivo”, afirma. A Amador non é que lle tire moito esa idea. “Se me oe algún tradutor igual se enfada comigo”, di, “peroO que arde, se non é en galego, fáltalle a alma do pobo“.

Este Amador —’que ama’— débelle dar aínda ben importancia a iso da alma —que alma!—.  Repíteo decote: historias con alma, cinema con alma, garabatos con alma… Hase ver o camiño que colle de aquí en diante. Igual algunha corredoira da Fonsagrada…

ÚLTIMAS

Deputados provinciais do PP lugués visitan Altri e tildan de “irresponsabilidade” a ausencia de BNG e PSdeG

Deputados provinciais do PP de Lugo visitaron a sede de Altri en Portugal para...

Detido o acusado de 10 roubos en establecementos comerciais de Vilalba

A Garda Civil, no marco da Operación probuje, detivo a un home de 39 anos...

Falece unha muller atropelada nun paso de peóns en Lugo

Unha muller de 65 anos de idade, M.F.V.P., faleceu nas últimas horas tras ser...

Confirman a condena a ano e medio de prisión para un home roubou 2.000 euros dunha anciá con demencia

A Sala do Civil e o Penal do TSXG confirmou a condena a un...