Inicio Cultura ‘O que arde’ opta a doce galardóns nos Premios Mestre Mateo 2020

‘O que arde’ opta a doce galardóns nos Premios Mestre Mateo 2020

'Hierro', dos irmáns Coira, é a produción con maior número de candidaturas. Na categoría de Mellor Actor Protagonista, competirán pola estatuíña dous lucenses (Amador Arias e Luís Tosar). Tamén Benedicta Sánchez é finalista pola súa actuación en 'O que arde'. Ademais, a curtametraxe 'Homomaquia', do lugués David Fidalgo, tamén estará presente nunha das edicións "máis igualadas dos últimos anos".

Fotograma do filme 'O que arde' (Oliver Laxe, 2019), coprotagonizado polo fonsagradino Amador Arias e a corguesa Benedicta Sánchez.

A Academia Galega do Audiovisual vén de anunciar os proxectos e profesionais finalistas nos XVIII Premios Mestre Mateo. Esta edición terá moito sabor lucense, xa que a serie Hierro, dos irmáns Coira, é a produción que máis candidaturas suma, cun total de 16; e  O que arde, de Oliver Laxe, é finalista en doce categorías.

As candidaturas finais déronse a coñecer esta mañá no Teatro Colón da Coruña, nun acto conducido pola actriz Tamara Canosa e o comunicador Rodrigo Vázquez. Segundo destacan dende a Academia, a primeira rolda de votacións nesta carreira polos premios sitúa esta edición como unha das máis igualadas dos últimos anos. “Da fe da boa saúde da que goza o audiovisual galego”, engaden.

Tamén o lucense! Hierro, O que arde e Quen a ferro mata (15 candidaturas) encabezan a lista das producións con máis presenza nestes Premios. Compiten polos galardóns a Mellor Dirección, Guión, Fotografía, intérpretes protagonistas, Maquillaxe e Perruquería, Dirección de Arte e Dirección de Produción, Montaxe, Son e Vestiario.

Así, Benedicta Sánchez e Amador Arias optarán a cadanseu premio pola súa actuación no filme de Oliver Laxe, rodado nos Ancares. O fonsagradino comparte candidatura con outro lucense, Luís Tosar (protagonista de Quen a ferro mata). 

COIRA X2

A unha certa distancia en número de candidaturas sitúanse a serie A estiba e a longametraxe Eroski Paraíso (Jorge Coira). A adaptación para a pantalla cinematográfica do éxito teatral da compañía Chévere acada 7 candidaturas, mentres que o thriller policial da TVG obtén 6. Destaca a dobre candidatura de Jorge Coira na categoría a Mellor Dirección, neste caso compartida con Xesús Ron.

Por outra banda, na categoría de Mellor Curtametraxe tamén estará presente Homomaquia, do lucense David Fidalgo, que xa optou a un Premio Goya 2020.

As gañadoras daránse a coñecer o vindeiro sábado 7 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala presentada por Patricia Vázquez.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here