InicioCulturaLibros e contacontos con perspectiva de xénero en Lugo

Libros e contacontos con perspectiva de xénero en Lugo

As seis actividades de animación á lectura terán lugar na biblioteca Isidro Novo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron as actividades de animación á lectura e contacontos que se realizarán este trimestre en Lugo.

Serán en distintas tardes de febreiro a abril, ás 18:30h na biblioteca municipal Isidro Novo do parque da Milagrosa. “Con esta programación de animación á lectura traemos novas actividades nas que se presta especial atención ao fomento da igualdade de xénero ao mesmo tempo que se achega ás máis novas e novos ao mundo da lectura”, indicou Felipe Rivas.

Estas actividades serán de asistencia gratuíta, mais por motivos de aforo deberá retirarse unha invitación na propia biblioteca. As invitacións comezarán a repartirse na tarde do luns de cada actividade, e estarán limitadas a dúas por persoa. As actividades irán dirixidas a distintas idades.

Segundo informan desde a Concellería de Cultura, as actividades deste trimestre comezarán o vindeiro mércores 26 de febreiro, con “A galiña dos ovos de conto”, de Electra Menéndez, unha actividade creativa que xunta literatura e plástica, nas que as nenas e nenos realizarán bonecos das personaxes dun conto que inventarán coa axuda de Rosiña, a galiña dos ovos de conto. A actividade está orientada para nenas e nenos a partir de 3 anos, ten unha duración de 75 minutos e o aforo limitado a 20 persoas.

OUTRAS ACTIVIDADES

O mércores 4 de marzo, Xerardo Quintiá trae “O País do Gran Furado”. Na semana do 8 de marzo, a biblioteca acollerá á obra gañadora do II premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Terá unha duración de 45 minutos, e un aforo máximo de 20 persoas.

O 11 de marzo chega Charo Pita con “A galiña Cocorcó”. Recomendada para nenos e nenas de 11 meses a 3 anos, consiste en contos, cancións e xogos para os máis cativos acompañados por unha persoa adulta. Ten unha duración de 35 minutos e un aforo máximo de 20 persoas.

O 26 de marzo, Trécola Teatro traerá “Sen Medo”. Dúas coidadoras dun parque natural contan as historias dos pingüíns Roi e Silo, que queren ser pais das tartarugas namoradas Clementina e Artur. Tamén falarán de mulleres que loitaron polos seus soños e puxeron un valioso gran de area na historia do feminismo. Durará 35 minutos e ten un aforo de 40 nenas e nenos a partir de 4 anos.

O xoves 16 de abril chegará Pavís Pavó con “Historias da Marquesa”, unha viaxeira infatigable que cando se xubilou deixou un agasallo fantástico: a súa maleta, unha maleta encantada, cargada de bruxas, trasnos e apócemas máxicas. Terá unha duración de 50 minutos e un aforo de 40 nenas e nenos a partir de 4 anos.

O primeiro trimestre rematará con “Príncipas e Princesos”, de Os Contos de Pablísimo, unha divertida reflexión sobre a igualdade onde se buscan príncipes rosas e princesas azuis, princesas enfrontándose a dragóns e de príncipes que lavan a roupa. Durará 50 minutos e poderán asistir até 40 nenas e nenos a partir de 4 anos

ÚLTIMAS

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...

A Deputación destina 750.000 euros a formación dixital para zonas en risco de despoboamento

A Deputación Provincial de Lugo anunciou a posta en marcha do proxecto 'E para...

Rexistrado un terremoto de 3 graos de magnitude en Baleira

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou este xoves un terremoto de magnitude 3 no municipio lucense de...