— A Ribona de Miranda viña enriba dun cabalo branco. Era grandísimo. Érache bonito aquel cabalo. E manso! Ela andaba vestida sempre cunha roupa estrafalaria, con flocos e moitas cores. Case sempre era roupa ‘roxa’. É que ela era amiga dos ‘rojos’, non sabes?
A piques de se cumprir o 30º aniversario do falecemento de Enriqueta Otero Blanco, as xentes de Castroverde gardan na memoria a imaxe desta mestra e guerrilleira antifranquista que nacera no concello a principios do século pasado. Da casa de Ribón de Miranda, medrou no seo dunha familia acomodada que lle permitiu estudar e estar en contacto coa cultura. Ela mesma había ser despois un importante baluarte da educación no rural lugués.
— Érache alta! Andaba cun sombreiro e traía un bastón canda si porque estaba media coxa. Por aquí tíñanlle medo… Era ruda, soltábache unha mala contestación en calquera momento. A xente tamén tiña medo de que lles pasara algo se os vían falando con ela. Como era comunista…, andábana buscando, queríana coller.
CONTRA O SISTEMA
A sona de persoa pouco afable —con “respostas secas” que deixaban a un parvo— quizais fixo dela unha figura distante para a veciñanza da contorna. Porén, no imaxinario colectivo segue viva a idea dunha Enriqueta Otero “protestona” e revolucionaria que non se apoucaba cando se trataba de loitar por cousas que cría xustas e precisas.
— Ela tiña moitos contactos. Andaba na política dun lado para outro. Non paraba quieta e ía falar con quen fora. Acórdome de que moito pedira para que fixeran unha estrada por aquí. Ao final fixérona, pero non por onde ela dicía. Fixérona máis arriba. Ela quería que fora polo medio do ‘pueblo’ [Mirandela] e que despois tirara polo monte cara Páramo, pero máis cerca de Furís ca a que hai agora. Non che era mal trazado o que ela dicía, ollo!
Enriqueta Otero era coñecida na provincia como a ‘Pasionaria lucense’ pola súa relación con Dolores Ibárruri, de quen foi secretaria durante a Guerra Civil. A ela gustáballe, máis ben, que a chamaran ‘a Guerrilleira Viva’. E é que a súa historia na guerrilla antifranquista foi intensa. Pasou uns sete anos agochada nos montes lugueses, onde estivo en permanente contacto con outras figuras históricas coma o Foucellas ou o Piloto. No ano 46 foi localizada polas forzas do Estado no barrio lucense da Milagrosa e trasladada ao Vello Cárcere, condenada a morte. Finalmente conmutóuselle a pena e, no seu canto, ficou presa durante uns vinte anos.
— Desde que volveu do cárcere fíxose cunha pila de animais. Tiña de todo aquí en Miranda. Coidaba deles. Unha vez quixo que lle levaramos os cochos á feira a Castroverde para vendelos. Poñíase rufa!
UN CARRIÑO CHEO DE IDEAIS
Naqueles primeiros anos fóra da prisión non se lle permitiu exercer como mestra, profesión na que se iniciara ben preto da casa (na parroquia de San Cosme de Barreiros) e que volveu retomar en canto lle foi posible. “Estaban moi contentos comigo. Tiña 81 nenas e fixéronme un chalé que me regalaban se me quedaba alí. Logo en Madrid ampliei estudos na especialidade de xordomudos”, relatou ela mesma nunha entrevista da Cadena Cope no 1989.
— Teño escoitado que foi quitar o carné a Lugo, a unha academia onde había un tal Don Celso. Despois andaba nun Seat.
E é que Enriqueta era muller de pouco acougo, seguramente adiantada aos seus tempos. Na súa cabeza soñaba coa revolución e iso pasaba por defender a educación no rural. Unha das súas teimas nos últimos anos era reactivar as escolas unitarias que quedaban baleiras nas aldeas ao centralizarse as aulas no colexio das capitais municipais. Non obstante, o seu gran proxecto cultural foi O Carriño, unha asociación dende a que pretendía achegar a cultura á poboación. Unha “universidade popular”, como dicía, materializada nunha especial biblioteca formada por libros que ía conseguindo ela mesma.
O Carriño rematou por desaparecer. Tamén o fixo a propia Enriqueta Otero, que finou ao remate de outubro do 1989, hai agora trinta anos. Onde vai xa a Ribona… Na terra! Pervive aínda na memoria.