Unha editorial con fins solidarios e que presta especial atención á diversidade lingüística de España. Así é Agalir Ediciones Solidarias, un proxecto nacido no País Vasco que agora viaxa á nosa provincia para ser presentado canda o libro que publicaron, ‘Sentimientos de cristal’. A asociación NPG Nova Poesía Guitirica, coa A.C. Xermolos e a asociación Lar de Unta (Betanzos) colaboran con esta iniciativa éuscara para dar a coñecer aquí o seu traballo. O luns 19, farán unha parada en Guitiriz para logo continuar ata Melide e Betanzos, onde será a presentación oficial ás 20.30 horas.
Agalir Ediciones Solidarias foi creada por necesidade propia para poder publicar a obra ‘Sentimientos de cristal’, cuxos beneficios irán destinados en parte ao neno Lucas Argoitia, un cativo que sofre a enfermidade dos ósos de cristal, tal como se coñece comunmente esta doenza. De acordo con ese fin solidario, foilles preciso crear unha asociación, cuxo nome é o mesmo ca o do libro.
E é que esta base social é unha constante en todas as súas publicacións, ben polo seu contido ou pola repercusión económica que deixa nalgún dos proxectos que levan a cabo, como ‘Ningún niño sin su cuento’. Este, en concreto, garante que, a partir de cada conto vendido, dóase outro igual aos nenos máis desfavorecidos (centros de acollida, hospitais…) Precisamente algúns destes libros serán repartidos entre os cativos dos campamentos de Guitiriz, nun acto celebrado na Casa Habaneira o vindeiro luns 19 ás 12 da mañá.
LIBROS EN GALEGO, ÉUSCARO, CASTELÁN E CATALÁN