Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol amosan a súa preocupación pola deriva que está a tomar a xestión de Lino Rodríguez, “máis centrado en buscar fondos para o seu proxecto futbolístico que en dar resposta aos problemas reais e cotiáns da veciñanza”.
A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, considera “incomprensible” que, nun momento no que existen numerosas necesidades sen atender o concello, como o estado das infraestruturas, os servizos básicos ou a atención ás parroquias, “o alcalde unicamente prioriza de maneira reiterada iniciativas vinculadas ao fútbol”.
Esta actitude evidencia unha clara falta de prioridades e unha desconexión coa realidade diaria dos veciños e veciñas, que levan tempo demandando solucións concretas e eficaces ás súas dificultades. “Lino Rodríguez continúa centrando esforzos e recursos nun proxecto que non responde ás urxencias do conxunto da poboación, a xente necesita pistas en bo estado, conserxe no colexio ou un PAI en bo estado, porque de nada serve un campo de fútbol de nivel se non temos o máis básico”, criticou.
Neste senso, Nicole Grueira amósase moi preocupada “pola obsesión do alcalde co fútbol”, que está a deixar de lado outras cuestións fundamentais para o desenvolvemento do municipio. “A nosa responsabilidade como representantes públicos é atender as necesidades reais da cidadanía, non promover intereses particulares nin proxectos que non son prioritarios, polo que seguiremos a dar voz a todos os veciños e a reivindicar as súas necesidades”, sinalou.
Nicole Grueira pide a Lino Rodríguez “reflexión e que rectifique o rumbo” para así escoitar aos veciños e a poñer o foco na mellora da calidade de vida de todos os habitantes de Pol, que é, en definitiva, a verdadeira razón de ser da acción política municipal.
