InicioComarca da FonsagradaA FonsagradaAs residencias de maiores de Meira e A Fonsagrada, coa confianza dun...

As residencias de maiores de Meira e A Fonsagrada, coa confianza dun “ultramarino da vila de toda a vida”

Coñecemos a catro usuarios destes centros, que forman parte da Deputación de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Tanto a residencia de maiores de Santa María de Meira como a residencia ROIS CAM Fonsagrada, forman parte da rede de centros de atención a persoas maiores da Deputación de Lugo, así como o CAM de Castroverde, que se visitou para unha reportaxe. O que fai diferente a estas opcións de centros é a proximidade e contacto estreito coa vila e a súa veciñanzaLucía Mayo, educadora social na Fonsagrada e Meira, compara estes centros cos ultramarinos da vila de toda a vida: “Ti vas, tes unha confianza co tendeiro, sabes que ten unha mercadoría pensada na xente da vila, ao mellor non tes tanta oferta de cousas, pero tes o que queres e precisas, non é como un supermercado, onte tes de todo, custa elixir e non tes contacto case, máis aló dalgo cordial. é cordial”. Existe así un sentimento de comunidade, un arraigo que permite “tentar paliar os sentimentos de soidade non desexada neste momento vital”.

DÚAS AMIGAS INSEPARABLES: MARY E MARISA

Viven xuntas na residencia de Meira e son “uña e carne”, Marisa e Mary. Están a unha preto da outra e en primeira instancia é Marisa quen toma a palabra. Sinalan desde o centro que é unha muller de grandes habilidades comunicativas e que á hora de facer algún proxecto ou cando vén alguén é a encargada de expoñer ao público. Nótaselle que fixo teatro en tempos pasados. Chegou á residencia fai dous anos e medio e ten 71 anos, polo que presume de ser “a máis nova dos residentes”. Digamos que entrou con mal pé xa que foi chegar e sufrir unha caída e viña xa de pasalo bastante mal. Así o conta: “Eu tiven unha obstrución intestinal fai dous anos, tamén unha obstrución de uréteres, puxéronme as tres bolsas, a parte de ter insuficiencia renal, vascular cerebral e cardiovascular”. Actualmente recoñece que se atopa ben i é autónoma. “Isto é moi importante porque me sinto válida e na residencia estou ben, obviamente botas de menos a túa casa”, manifesta. Considera que é unha boa opción e máis nos tempos que corren, xa que os fillos non “é como antes que coidaban dos pais”, agora co traballo levan outro tipo de vida e esta é “unha boa opción para que coiden aos teus pais”. 

Destaca da residencia a posibilidade de vivir en compañía, facer actividades como ximnasia ou incluso festexos, por exemplo, en San Xoán fixeron sardiñada e houbo música. “Non nos aburrimos para nada”, expón. Declarada fan do estilo pop máis moderno, no seu día a día érguese, aséase, baixa almorzar, logo déitase un pouco e de novo en pé para pasear, regar as plantas e xogar as cartas coa súa amiga Mary. Porén, fóra están as persoas que máis quere e lamenta non poder velos máis, xa que a súa filla e neto Adrián viven en Madrid: “Teño un neto de 16 anos que quero como se fora fillo porque o criei eu ata os oito anos, xa que a miña filla marchaba traballar pola mañá e viña a noite”.

Escoita Mary atentamente o que conta Marisa. Ela chegou hai dous anos á residencia porque tivo que operarse dos xeonllos, onde lle puxeron unha prótese e tamén ten párkinson. Considerou que non se valía por se mesma na casa e tomou a decisión de ingresar nunha residencia. Non o fixo soa, entrou da man da súa nai, a que lamentablemente tivo que despedir en xaneiro de 2023 cando faleceu con 93 anos. Mary ten agora 75 anos e expresa que desde un primeiro momento foron decididas e que non se arrepinte para nada da decisión, xa que está moi contenta coa atención. “Valoro que esta é unha residencia con poucos residentes, polo que estamos todos moi unidos, coñecémonos e o día a día é moi bo”, comenta. Ao igual que Marisa, Mary recoñece que a súa casa é a súa casa e que non ve tanto como quixera as súas catro netas: “Alejandra, Carlolina, Mencía e Candela, son bonitas por dentro e por fóra. Falamos por teléfono practicamente todos os días e xa me mandan fotografías e eu algunha tamén lles mando”. Un piar imprescindible para ela na residencia é o da súa amiga: “Marisa é unha gran amiga, se me falta ela, fáltame todo. Somos uña e carne”, afirma. 

Xuntas viven aniversarios e datas sinaladas como o Entroido ou o Nadal, onde desde a residencia sempre lles teñen algo para que o pasen ben. Hai algo que Mary se esqueceu de contar, pero desde o centro sinalan a que é unha gran pintora, que desafía ao párkinson e pinta cadros todos os días. Tamén nos confesan que tanto Mary como Marisa son persoas que se preocupan moito pola súa imaxe e que son “moi guapas”. A nivel laboral, ambas se dedicaron a ser coidadoras dos seus seres queridos en momentos da súa vida e a día de hoxe, Marisa lamenta non ter seguido o seu soño de dedicarse á Medicina: “Deixeino en sexto e agora arrepíntome, pero xa é tarde, era vocación por axudar á xente”. 

ASÍ É O TRABALLO NA RESIDENCIA DE MEIRA

“Aquí, a parte dos servizos básicos de manutención, lavandería ou limpeza de habitación e o que vén sendo a vida aquí, temos unha proposta de actividades en quenda de mañá que desenvolvemos os distintos perfís técnicos que traballamos, a psicóloga, terapeuta ocupacional, traballadora social, fisioterapeuta e cada un de nós soe ter tanto intervencións grupais como individuais”, explica Tania Ares, a responsable e a psicóloga do centro desde os previos a súa apertura en novembro de 2021, abriu en decembro. Así, pola tarde contan cunha animadora sociocultural que tamén desenvolve unha proposta, todas elas grupais. Ademáis, contan con un día ao mes de perruquería, de peiteado, outro día de podoloxía… 

Un punto a destacar e que puxeron en valor tanto Marisa como Mary é o lazo que estableceron co IES Pedregal de Irimia: “Son os nosos veciños en Meira, convivimos no mesmo barrio a escola infantil, o colexio de Primaria e o instituto”, sinala Tania. Iso permite que se fagan distintas actividades con eles e levan desde o 2022 traballando cun grupo de rapaces do instituto que agora neste 2024 concluían o ciclo da ESO. “O pasado 21 fíxose como unha especie de acto de graduación, no que dunha maneira simbólica lles entregabamos uns títulos de graduados neste ciclo de experiencias interxeracionais que vimos compartindo”, conta e engade que se crearon “vínculos moi especiais e honestos entre a rapazada e os usuarios”. Dicía Marisa que ese contacto as fai sentirse máis mozas e Mary comenta que nunca imaxinou que esta mocidade fose tan maravillosa. 

Nese sentido, esta residencia ten un aspecto moi positivo a destacar i é que a súa localización na vila, xa que foi creada coa expectativa de prestar o servizo de atención residencial aos veciños de Meira. “É dicir, moitas das persoas que viven aquí, viven na vila onde viviron toda a vida e onde viven moitas veces familiares, amigos e veciños. Séntense preto da comunidade. De feito, temos aquí máis dun caso que desde a residencia ven as súas casas”, comenta a responsable. Hai fillos que a saída do traballo van todos os días ata a residencia porque pasan por diante. Rompe, neste sentido, coa visión de illamento que se ten deste tipo de recursos. Incluso hai persoal, a meirande parte, que vive en Meira e viron facerse maiores aos residentes e resulten “coñecidos”. 

A residencia tamén conta cunha filosofía de portas abertas, no sentido de que non hai un horario de visitas e as persoas poden vir sempre que queiran, poden estar nos distintos espazos da residencia, incluso poden comer e cear aquí se queren cos seu familiares. O Covid neses sentido xogounos algunha mala pasada, pero afortunadamente puidemos volver á normalidade. A residencia ten agora mesmo 30 prazas, xa cubertas. A vía de acceso é a través da Deputación de Lugo, do servizo de Benestar Social e Igualdade. Cursaríase unha solicitude, exposta a un baremo de puntuación e, en función dese, establécese unha listaxe de agarda. “Persoas en risco de exclusión social ou de certo nivel de dependencia terían máis puntos, así como os veciños e veciñas da vila”. Viven tanto persoas autónomas desde os 65 anos ata persoas con dependencia que precisan coidados no día a día.  

 SEIO E ANA DA RESIDENCIA DE A FONSAGRADA

Situámonos na montaña lucense, concretamente na Fonsagrada, lugar de foliadas e onde está outra residencia en pleno corazón da vila, preto da Alameda e do Concello. José Domingo, coñecido como “Seio”, chegou xa no 2020 porque daquela vivía só e decidiu probar. “O alcalde animoume e veu buscarme”, expresa. Actualmente está moi contento e sae todos os días tomar o café. Ademáis, segundo contan desde o centro, aínda conduce o seu coche e vai ata a casa ou mesmo ás consultas médicas. Consideran que é un usuario moi partícipe da vida na vila, que sae pasear pola Alameda e se hai baile tamén se apunta. “Incluso foi figurante nunha película que rodou aquí Elsa Pataky, é botado para adiante”, conta Lucía Mayo, educadora social do centro. Non ten netos, pero confesa tirando de refrán “din que ao que Deus non lle dá fillos, o demo dálle sobriños, eu teño máis de 22”. Da residencia destaca que hai moitas actividades e “festas, as que queiras”.

Ao seu lado, está Ana, que leva aquí desde que se abriu aló polo 2019. “Estaba frouxa de saúde e tamén soa, entón fun preguntar e ver se me podían apuntar e conseguín a praza”, conta. A día de hoxe destaca todos os servizos da residencia e atópase ben, gústalle pintar cadros ou facer paxariños. “Teño un neto mozo, cun nome que non sei de onde o sacaron, Nabor”, expresa e sinala que afortunadamente pode velos con moita frecuencia. “Ten catro fillos e soe ir de vacacións e ter moito contacto con eles. Tanto Ana como Seio, son unha especie de líderes na Fonsagrada, porque lles teñen moita estima e tiran do resto de xente”, confesa Lucía.  

“É UNHA RESIDENCIA DE COMUNIDADE CON SENTIMENTO DE PERTENZA”

Lucía Mayo é traballadora social tanto en A Fonsagrada como en Meira, xa que vai rotando, ao igual que os outros perfís profesionais de enfermeira, terapeuta e fisioterapeuta. Plantéxanse diferentes actividades, máis aló da atención e coidados básicos, tanto individuais como en grupo enfocadas a “manter a autonomía e a estimulación cognitiva e física”. Cando son datas especiais como o Nadal, o Entroido ou a feira do butelo, participan da vida da vila. “O mes pasado fixeron, por exemplo, unha actividade en conxunto co colexio da Fonsagrada en materia de Igualdade cunha obra de teatro”. 

Habitualmente realizan actividades coa veciñanza, como é o caso da foliada en decembro. Neste sentido, están moi vinculados á música tradicional como centro. “Ata o ano pasado tivemos no centro a César Fernández, que faleceu, e era un gaiteiro coñecido, que tamén tocaba o birimbao”, sinala Lucía. 

Á hora de presentar a solicitude fai fincapé en que calquera persoa da provincia de Lugo pode solicitar praza nestes centros residenciais. Porén, terán maior puntuación aquelas persoas que sexan do propio concello porque están pensado para iso: “A xente dos nosos centros xa se coñecía de antes, xa compartiron experiencias ou pertencen ao mesmo núcleo. É unha residencia de comunidade, de sentimento de pertenza a un sitio, a un grupo, no que non se senten sos”.

ÚLTIMAS

Convocarán un concurso de ideas para desenvolver a contorna do Pazo de Dona Urraca

A Xunta continúa dando pasos para "seguir reactivando" o barrio da Tinería, no centro...

Detidas tres persoas dun clan familiar dedicado a venda de cocaína en Lugo

A Policía Nacional detivo a dous homes e a unha muller vinculadas a un clan familiar que se...

Reunión entre Rueda e Tomé para fixar un grupo de traballo sobre transferencia de diferentes estradas

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o líder da Deputación Provincial...