InicioCulturaNegueira rescata a cultura do seu viño centenario

Negueira rescata a cultura do seu viño centenario

Negueira alberga este sábado a I Xornada da Vendima, para salvagardar as adegas centenarias de Sanformar e devolver o prestixio ás tres variedades de viño locais

PUBLICADA O

- Advertisement -

Negueira de Muñiz ten un clima particular. É parte da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terra de Burón, sito en pleno Val do Navia. No concello sabíase da existencia dun grupo de adegas abandonadas, pola memoria dos maiores. Mais o que ninguén lembraba sobre a aldea de Sanformar era que albergaba, agochado entre a maleza, un número tan importante de edificacións. Foi todo un achado casual de Luís Río, presidente da Asociación para o Desenvolvemento de Negueira de Muñiz, que atopou o conxunto durante un paseo.

Non dubidou de que era preciso catalogar e sacar á luz as adegas centenarias, para paralizar a súa ruína e crear un lugar de interpretación, acondicionando as que aínda conservan a estrutura completa, e quizais recuperar o uso dalgunha delas conservando a arquitectura tradicional. A esperanza do colectivo é achar aos propietarios para garantir a conservación destes bens etnográficos. Mais o primeiro era dalas a coñecer, e por iso este sábado, primeiro de setembro, Negueira acollerá a I Xornada da Vendima.

Nestes días, unha cuadrilla de Extremadura extrae cortiza nesta vila que raia con Asturias. Alí hai sobreiras e plantas características de climas mediterráneos. A parte baixa de Negueira ten temperaturas propias de rexións máis cálidas, que combina con zonas de alta montaña. A parte da conca favorece a produción de viño, “un pouco coma Quiroga e a Ribeira Sacra”, explica Luís Río.

Negueira é o concello menos poboado da comunidade, con 215 habitantes censados en 2016. Aliás, dase a particularidade de que a media de idade é relativamente baixa. Aínda que hai xente de idade avanzada, a taxa de nacementos sitúa a este municipio das Terras de Burón entre os máis xoves de Galicia. “Hai xente de paso e bastante xente nova, porque é un sitio illado e ben conservado, axeitado para quen desexa vivir na natureza en condicións aceptables, cun clima favorábel e sen as limitacións doutras vilas. Un lugar ideal para vivir no campo virxe”.

A Asociación para o Desenvolvemento de Negueira ten xa anos, pero quedara esquecida ata que en 2017 retomouse a actividade, perante a necesidade de revitalizar e promocionar a zona. A iniciativa partiu dun grupo de xente de toda adscrición, aberto a quen desexe participar del.

Así xurdiu o Festival do Alto Navia, que celebrou a finais de xullo a primeira edición coa idea de atraer un tipo de expresión cultural endexamais visto en Negueira. Contou coa parte musical, e outra de tipo ecolóxica, de potenciación do medio ambiente, con roteiros en canoa para descobrer as paisaxes e a flora –dende a auga poden apreciarse os soutos e carballeiras–, e incluíndo a recollida de plásticos no Navia. A ocasión procurou un estrito equilibrio entre a actividade cultural e a sintonía co medio natural, e aproveitaron a potenciar os produtos da zona, con postos de artesáns.

No pasado fixeron xornadas da castaña, no Magosto, con faladoiros para incentivar a recuperación dos castiñeiros. A silvicultura ben entendida incorporou así mesmo o mel e, por suposto, o viño. A cultura da viña é crucial para Negueira, que conta con tres variedades autóctonas: os tintos verdello e serodio, e o branco lexítimo, que malia que está a coller sona baixo a bandeira de Paderne, foi en Negueira onde se obtivo a cana de cepas centenarias para enxertar.

Así e todo, o lugar carece de Denominación, polo que os viticultores quedaron relegados e sen poder pór nas etiquetas a variedade que empregan. Estase a loitar por obter a distinción, e xa houbo algunha ocasión en que parecía que tomaba forma a iniciativa de ir canda a Asturias (pola conca do Ibias, de calidade semellante), pero o feito de pertencer a comunidades diferentes fixo que Negueira quedara no limbo. A pesar desta dificultade, a Asociación de Bodegueiros segue a loitar pola Denominación.

Esta causa é parte da I Xornada da Vendima, que aparte de rescatar e catalogar un valioso patrimonio –segundo o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o conxunto etnográfico de adegas centenarias de Sanformar só é comparable co de Vilachá–, tenta dar vida á produción de viño na zona. Hai apenas días, un incendio ameazou con alcanzar estas edificacións, un acto aparentemente deliberadao que Luís Río non comprende.


A obtención de viño é unha tradición centenaria en Negueira que viuse interrompida  pola praga americana que afectou ás viñas a finais do século XIX e pola posterior construcción do encoro de Grandas de Salime, coa consecuente despoboación. O pantano anegou e obrigou a abandonar unha porcentaxe altísima das terras fértiles. Ademais, o feito de que non se construíra unha ponte fixo que a xente que vivía do lado incomunicado marchara. Non había quen puidera recuperar viñas que quedaran por enriba da auga da outra beira do encoro, e a que quedou da beira comunicada foi morrendo.

A produción era maiormente de autoconsumo. Con posterioridade foise recuperando, pero nunca acadou as cifras doutrora. As adegas pertencían a persoas que vivían en parroquias no límite ou metidas xa en Asturias, aldeas de montaña que mantiñan as viñas do val, unha ampla ladeira que en tempos estaba toda chea de vides. No Catastro de la Ensenada, de 1749, están catalogadas 90 hectáreas no terreo equivalente á parroquia de Negueira. Estas cifras non coinciden con outros datos dos que dispón Luís Río, que entende que, polas deficiencias da época, as hectáreas rexistradas naquel primitivo catastro están de seguro afectadas pola “picaresca”. Coñecendo a zona e facendo sinxelos cálculos, “loxicamente eran moitas máis”.

Encoro de Grandas de Salime | Mikel González
Encoro de Grandas de Salime | Mikel González

A aldea de Sanformar ten máis de vinte adegas centenarias, con ruínas aínda por identificar. No lugar só vivía unha familia, nunha vivenda que aínda se conserva. Traballar aquelas viñas comprendía gran dificultade, pola pendente da ladeira, responsable tamén da calidade dos caldos. As construccións quedaron abandonadas antes da chegada do cemento, valora o presidente de ADN, nunca houbo reformas nelas, conservando o estado orixinal salvo polo paso do tempo, que as foi tumbando ata deixar seis aínda co tellado.

A Xornada da Vendima consitirá dun mercado de produtos da zona, que comezará arredor das 10.30 horas do sábado. Sobre as 11.00 horas comezará a actuación da agrupación folclórica Antaruxas e Sorteiros, con música e baile, e ao remate do espectáculo comezará a visita ao conxunto patrimonial. Dela participarán diferentes expertos, entre eles o director de Cepas y Vinos, José Domínguez Varela, o enólogo Luís Padín, ou o historiador Xabier Moure.

En paralelo ao mercado, nun ambiente festivo, celebrarase o pisado ao xeito da zona, empregando unha característica bañeira de madeira. Á conclusión terá lugar o faladoiro entre os maiores e os expertos na materia, para que expliquen aos asistentes o que alí verán. A Xornada rematará sobre as 13.30 horas. Para a vindeira edición, os organizadores tentarán ampliar a degustación para convertela nunha auténtica romaría.

 

ÚLTIMAS

Detido un home en Lugo acusado de apuñalar á súa muller

Un home foi detido esta madrugada en Lugo acusado de propinar varias puñaladas á súa...

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...