InicioMedioambiente e PatrimonioO BOE recolle a protección preventiva do Castro de Santa María

O BOE recolle a protección preventiva do Castro de Santa María

Catro meses despois da proposta dos colectivos de Cervantes, o Castro de Santa María está de xeito preventivo nos rexistros galego e estatal

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Boletín Oficial do Estado recolleu a incoación do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural o Castro de Santa María. Foi un proceso veloz, iniciado en outubro a petición dos colectivos de Cervantes, e que toma relevancia coa publicación no rexistro estatal. O conxunto, de cronoloxía excepcionalmente ampla, ten protección específica para 56 hectáreas.

O Castro de Santamaría consta dun asentamento castrexo romanizado, explotacións auríferas e construcións medievais, datados entre o século I e o XIV, e contempla valores arqueolóxicos, monumentais e etnolóxicos. A condición de Ben de Interese Cultural implica un réxime de tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. 

Os bens incluídos son os xacementos arqueolóxicos coñecidos como as minas romanas da Viña da Moura e do Ribadón, a igrexa de Santa María do Castro, a casa reitoral de Santa María do Castro e o muíño da Cea do Río. Nun primeiro momento, o procedemento precisou do prace da Xunta de Galicia, que aceptou a petición do colectivo Patrimonio dos Ancares e maila ANPA do CPI Cervantes.

Castro de Santa María, en Cervantes | Colectivo Patrimonio dos Ancares
Castro de Santa María e igrexa homónima, en Cervantes | Colectivo Patrimonio dos Ancares

Iniciada a incoación, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural redactou a memoria técnica, que incluíu anteriores traballos de prospección arqueolóxica. Contou co aval da Comisión Territorial de Lugo do mesmo departamento, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes, dependente da Xunta de Galicia. Estes órganos consultivos ampliaron a zona de respecto alén do río Quindous, ampliando o contorno ata os 566.385 metros cadrados, integrando as minas, os recursos hídricos e as estradas. A superficie da propia zona arqueolóxica é dez veces menor.

Malia que a tramitación do expediente foi relativamente rápida, non é a primeira vez que se intenta outorgar a máxima protección ao Castro de Santa María. A finais da década pasada, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciou o procedemento correspondente, canda a outros dezaoito asentamentos, mais aquel expediente quedara esquecido ata 2018.

O interese patrimonial, histórico e científico do Castro de Santa María é incalculable. Trátase do único parcialmente excavado dos cento corenta existentes na bisbarra, e apenas a cuarta parte do mesmo foi explorada. O asentamento castrexo pode achegar datos sobre a transición das culturas prerromanas e a historia da minaría. Sobre o xacemento, situado á beira do Quindous, érguense a igrexa parroquial de orixe románica, o cemiterio baixomedieval –contabilízanse cincuenta e seis tumbas antropomorfas, moitas con restos óseos–, e a casa reitoral.

Castro de Santa María | Patrimonio Galego

Despois da intervención de urxencia de 1994, sucesivas campañas arqueolóxicas (1995, 1996 e 1999) acharon, entre outros vestixios, vinte e cinco construccións domésticas –dezaséis completas– separadas por pequenas rúas, zonas comunais en lousa, canles e desaugadoiros, escadas e despensas de pedra. Varias vivendas constan dun piso principal e un faiado. Atopáronse muíños de man, moedas romanas, follas de coitelo, anacos cerámicos, machados e cravos.

As explotacións mineiras son recoñecibles perfectamente na paisaxe, mentres que as estruturas medievais están en bo estado, logo de restauracións recentes. O muíño carece de uso, mais resiste enteiro e conserva as rodas que moían o millo. Hogano, a capela e o camposanto manteñen a actividade, aínda que deberán adoptarse novas precaucións compatibles co nivel de protección do xacemento.

A importancia do Castro de Santa María, asentado en 2009, reside en que forma parte da cunca do río Navia, rica en recursos auríferos, o que explica por que foi ocupado polos romanos. Nun radio inferior a un quilómetro hai varios sitios arqueolóxicos vencellados, entre outros sete explotacións mineiras e o asentamento de Castrillón. E cómpre valorar a contorna natural: é un territorio virxe parte da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Zona de Especial Conservación, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Protección do Oso Pardo.

A directora do museo do Castro de Viladonga: “Obras deste tipo nada tiñan que envexar ao mundo romano”

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...