InicioCulturaTradición e oficio no VII Encontro de Artesanía de San Román de...

Tradición e oficio no VII Encontro de Artesanía de San Román de Cervantes

O concello da Montaña lucense acolle a mostra de artesáns, deportes e xogos tradicionais canda a produtos típicos de Cervantes coma o mel, os embutidos ou o pan

PUBLICADA O

- Advertisement -

O polideportivo municipal de San Román de Cervantes viviu este xoves o balbordo incesante da mostra tradicional de oficios, xogos e gastronomía. A sétima convocatoria do Encontro de Artesanía reeditou un dos principais reclamos turísticos da vila, que presumiu de identidade e atractivo a través dos seus produtos artesáns e os deportes de sempre.

A cita foi organizada un ano máis pola ANPA de Cervantes, presidida por Isabel Calvete, xunto co propio Concello, representado polo rexedor Benigno Gómez Tadín, e co auspicio da Deputación de Lugo, presente no evento a través da deputada de Cultura, Pilar García Porto.

A delegación provincial contribuíu cun investimento de 1.000 euros a prol da actividade económica e a tradición da Montaña, e levou á feira unha demostración de forxa en vivo. Esta iniciativa corresponde ao Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), que co apoio da Deputación achega recreacións a once concellos da provincia durante o mes de agosto. Nesta ocasión, contou coa participación do artesán Víctor Uriz Carreiro.

Ademais de amosar as claves identitarias e a diversidade de reclamos turísticos, a mostra de Cervantes tivo por motivo a reivindicación e defensa do ensino público nos Ancares, inquedanza da Asociación de Nais e Pais da localidade.

En clave gastronómica ofreceuse o produto sobranceiro do lugar, coma o mel, o embutido ou o pan. No referido aos oficios artesanais, alén da forxa e a malla, ensinouse a traballar a cerámica, coiro, ou o tear. A estas actividades engadíronse os obradoiros de fotografía, deseño, pintura, arte urbana e música, xunto coa modalidade deportiva do VIII Aberto de Billarda do Urogalo.

Para a deputada de Cultura, a cita supuxo unha ocasión “para dinamizar a economía local e a produción artesá”, amais dun “bo escaparate para coñecer esta paraxe”. Pola súa banda, o alcalde agradeceu o apoio das entidades participantes no VII Encontro de Artesanía de San Román de Cervantes, “que segue medrando pouco a pouco” e axuda a espallar a historia do lugar, que cualificou de “enclave único”.

ÚLTIMAS

O Goberno inviste 25 millóns de euros para obras na A-6

O Consello de Ministros autorizou este martes a licitación por 25,17 millóns de euros...

Detido en Friol por entrar pola forza na casa dun coñecido, romper mobles e aveños e ameazalo de morte

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Friol a un home de 28 anos que...

Denunciada por falsificar un cartón de discapacitado para poder aparcar

A Policía Local de Lugo identificou e denunciou a unha condutora que facía uso...

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...