InicioCulturaTradición e oficio no VII Encontro de Artesanía de San Román de...

Tradición e oficio no VII Encontro de Artesanía de San Román de Cervantes

O concello da Montaña lucense acolle a mostra de artesáns, deportes e xogos tradicionais canda a produtos típicos de Cervantes coma o mel, os embutidos ou o pan

PUBLICADA O

- Advertisement -

O polideportivo municipal de San Román de Cervantes viviu este xoves o balbordo incesante da mostra tradicional de oficios, xogos e gastronomía. A sétima convocatoria do Encontro de Artesanía reeditou un dos principais reclamos turísticos da vila, que presumiu de identidade e atractivo a través dos seus produtos artesáns e os deportes de sempre.

A cita foi organizada un ano máis pola ANPA de Cervantes, presidida por Isabel Calvete, xunto co propio Concello, representado polo rexedor Benigno Gómez Tadín, e co auspicio da Deputación de Lugo, presente no evento a través da deputada de Cultura, Pilar García Porto.

A delegación provincial contribuíu cun investimento de 1.000 euros a prol da actividade económica e a tradición da Montaña, e levou á feira unha demostración de forxa en vivo. Esta iniciativa corresponde ao Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), que co apoio da Deputación achega recreacións a once concellos da provincia durante o mes de agosto. Nesta ocasión, contou coa participación do artesán Víctor Uriz Carreiro.

Ademais de amosar as claves identitarias e a diversidade de reclamos turísticos, a mostra de Cervantes tivo por motivo a reivindicación e defensa do ensino público nos Ancares, inquedanza da Asociación de Nais e Pais da localidade.

En clave gastronómica ofreceuse o produto sobranceiro do lugar, coma o mel, o embutido ou o pan. No referido aos oficios artesanais, alén da forxa e a malla, ensinouse a traballar a cerámica, coiro, ou o tear. A estas actividades engadíronse os obradoiros de fotografía, deseño, pintura, arte urbana e música, xunto coa modalidade deportiva do VIII Aberto de Billarda do Urogalo.

Para a deputada de Cultura, a cita supuxo unha ocasión “para dinamizar a economía local e a produción artesá”, amais dun “bo escaparate para coñecer esta paraxe”. Pola súa banda, o alcalde agradeceu o apoio das entidades participantes no VII Encontro de Artesanía de San Román de Cervantes, “que segue medrando pouco a pouco” e axuda a espallar a historia do lugar, que cualificou de “enclave único”.

ÚLTIMAS

O patrocinio dun clube de alterne no cartel dunhas festas volve xerar polémica en Outeiro de Rei

Un ano máis xurdiu a polémica en Outeiro de Rei pola publicidade que se...

Tres detidos tras desmantelar dous puntos de venda de droga en Lugo

A Policía Nacional detivo a semana pasada a tres persoas tras desmantelar dous puntos...

Ferido o condutor dun tractor tras caer por un desnivel nunha zona forestal de Becerreá

Un home resultou ferido este mércores tras unha caída desde un tractor, que acabou...

Ferido un motorista tras chocar contra un coche en Lugo

Un motorista resultou ferido na tarde deste pasado mércores tras chocar contra un coche...